A RAG incorpora novas entradas ao seu Dicionario

ACoruñaXa | OurenseXa
“Anicamento”, “teito de cristal” e “cultura da cancelación”, entre as novas entradas do Dicionario da Real Academia Galega
Imaxe das novas palabras incorporadas pola RAG
21 Abr 2024

A Real Academia Galega vén de incorporar ao seu Dicionario novos termos, entre eles: 'agachamento' e 'anicamento', 'teito de cristal', 'cultura da cancelación', 'escaleta' ou 'esgrafiado'. O Seminario de Lexicografía engadiu na última actualización a esta ferramenta fundamental da lingua galega corenta voces canda novas acepcións ou melloras na redacción doutros vinte lemas.

'Agachamento' e 'anicamento', as palabras referidas ao exercicio físico que consiste en flexionar e estender as pernas coa columna vertebral recta, entran canda outros termos do mundo do deporte como 'haltere', que designa a tamén chamada barra de discos, ou 'vólei', que aparece xa no Dicionario como sinónimo das formas voleibol e balonvolea.

Incorpóranse tamén ao Dicionario voces de tecnolectos de crecente uso na lingua común como 'escaleta', o guión detallado que reflicte os contidos e a súa duración dentro dun programa, así como a súa forma de presentación; ou 'esgrafiado', que denomina a técnica decorativa consistente en facer incisións cun estilete nunha capa superficial especialmente preparada, deixando á vista a cor da capa inferior, así como o elemento decorativo feito desta maneira.

O 'birimbao' ou 'trompa galega', o instrumento musical de metal que consiste nunha lámina vibratoria (a palleta) fixada a un marco en forma de ferradura, figura tamén entre as últimas incorporacións canda outras voces que completan familias de palabras de uso común como 'percebeiro' ou 'elitismo' a partir de sufixos habituais no idioma.

No apartado de frases e expresións, no lema 'teito' agrégase a locución substantiva 'teito de cristal', que identifica a barreira invisible de tipo social, cultural ou económico, que impide a unha persoa ou a unha minoría o acceso a postos de relevancia dunha organización; e a de cultura suma o fraseoloxismo cultura da cancelación, o fenómeno consistente na retirada de apoio moral, financeiro, dixital ou social a persoas ou organizacións como consecuencia de comentarios ou accións realizados por estas.

Canto aos cambios e engadidos, 'comadre' incorpora o significado de 'muller' con quen se ten máis trato ou confianza e se establece unha relación de amizade, apoio mutuo ou compañía, a acepción recoñecida como Palabra do Ano 2022 na votación popular promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras; 'cónxuxe' pasou a definirse como cada unha das persoas dun matrimonio, con respecto á outra; e consorte tamén mudou a redacción para respectar igualmente a diversidade. A Real Academia Galega modificou así mesmo a definición de 'autismo' de acordo cos cambios producidos na súa descrición científica e mais na súa percepción social.

Entre as ampliacións, a 'voz neon' suma ademais as acepcións referidas ás 'lámpadas' e os anuncios que empregan as lámpadas co gas do mesmo nome; e 'verde' recolle catro significados máis vinculados á cuestión ambiental: [política, ideoloxía, grupo…] que defende ou fomenta a conservación da natureza e o equilibrio ecolóxico; que respecta na súa produción ou na súa actividade a conservación do medio ambiente; defensor ou partidario dunha ideoloxía que defende a conservación da natureza e o equilibrio ecolóxico; e, en plural, movemento político que defende a conservación da natureza e o equilibrio ecolóxico.

0.20079898834229