A Real Academia Galega de Belas Artes homenaxea en Allariz ao fotógrafo José Suárez

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou en Allariz o Día das Artes Galegas 2026 cun acto institucional no que se rende homenaxe ao fotógrafo e cineasta José Suárez, nunha xornada que contou coa presenza de representantes institucionais, académicos e familiares do autor.

Durante o acto, o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, puxo en valor a consolidación desta celebración como referente cultural en Galicia e destacou a importancia de preservar e difundir o patrimonio artístico. Subliñou ademais a necesidade de recuperar figuras como a de Suárez e de reforzar o papel das institucións na conservación e divulgación da memoria cultural.
Pola súa banda, o académico Xurxo Lobato incidiu durante a súa intervención no carácter pioneiro desta edición, ao ser a primeira dedicada a un fotógrafo e tamén a unha figura da provincia de Ourense. Na súa intervención repasou a traxectoria de Suárez, nacido en Allariz en 1902, destacando a súa formación, a súa vinculación coas vangardas e o seu papel como fotógrafo e cineasta cunha obra marcada polo humanismo e a mirada documental.
Lobato puxo o foco en series como ‘Mariñeiros’ e noutras producións nas que o autor retratou a vida cotiá, o traballo e as tradicións cun estilo directo e innovador, así como na súa etapa de exilio, na que continuou desenvolvendo a súa carreira en América e noutras partes do mundo. Tamén destacou a súa evolución artística, incluíndo o uso da cor e a influencia da cultura xaponesa na súa obra.

ANO JOSÉ SUÁREZ
No mesmo contexto, a RAGBA anunciou a programación do Ano José Suárez, que contará con máis de 30 actividades ao longo de 2026, en colaboración con distintas entidades.
Entre as iniciativas previstas, o Concello de Allariz inaugurará nos primeiros días de abril unha exposición de lonas murais coa obra do fotógrafo polas rúas da vila, mentres que a Federación de Asociacións Culturais Galegas ‘Galiza Cultura’ difunde a súa figura en Nós Diario. Tamén está prevista a apertura, a mediados de abril, dunha exposición no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, organizada pola RAGBA xunto coa Deputación de Ourense.
Pola sú parte, a Xunta de Galicia reeditará un volume dedicado ao autor, e distribuiranse 3.000 carteis fotobiográficos en centros educativos galegos. Ademais, o 13 de abril celebrarase un acto na Universidade de Santiago de Compostela coa participación de distintos especialistas, seguido o día 14 da presentación dun libro sobre o autor na sede da RAGBA. Ademais, haberá actividades no Ateneo de Santiago e no Consello da Cultura Galega, así como unha exposición en maio na Deputación de Lugo, que darán lugar a unha mostra itinerante por distintas localidades.
Ademais, tamén se prevén encontros e tertulias sobre a súa figura en Ourense, así como xornadas no Centro Galego de Arte Contemporánea, novas exposicións no Campus de Ourense da Universidade de Vigo e a apertura do Museo José Suárez en Allariz. Ademais, producirase un documental sobre o autor dirixido por Xurxo Lobato. A programación completarase con ciclos de cine na Filmoteca de Galicia e posibles proxeccións noutras institucións, así como con colaboracións con museos e fundacións culturais galegas e con iniciativas en diferentes puntos do país, como exposicións e actividades organizadas por distintas entidades.
Deste xeito, o Ano José Suárez configúrase como unha ampla programación destinada a poñer en valor o legado dun dos nomes máis relevantes da fotografía galega e a achegar a súa obra ás novas xeracións.