A Real Banda de Gaitas de Ourense presenta o seu tradicional concerto de Nadal

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ofrecerá o próximo 27 de decembro, ás 18:30 horas, o seu tradicional concerto de Nadal no Santuario de Nosa Señora dos Remedios de Vilamaior do Val, en Verín. Esta cita terá un carácter especialmente significativo ao coincidir co 40º aniversario da Escola Provincial de Gaitas e da propia Real Banda, un dos principais referentes da identidade cultural ourensá.
O acto foi presentado polo deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; o bispo de Ourense, Leonardo Lemos; o reitor do santuario, Óscar Martínez Caamaño; e o director da Real Banda de Gaitas. Fernández destacou a traxectoria da formación, á que definiu como unha gran “embaixadora de Ourense”, subliñando o seu papel na difusión da cultura tradicional tanto dentro como fóra da provincia.
Ademais, o concerto será “o primeiro concerto” que se celebre neste santuario, segundo indicou Óscar Martínez, quen puxo en valor “a conxunción” entre a música e un espazo que acolle “unha importante obra como é o Retablo do Nacemento, onde a figura do gaiteiro ten moita influencia”. Na mesma liña, o bispo de Ourense agradeceu á Deputación a elección deste enclave para un concerto protagonizado polo “buque insignia da ourensanía”, contribuíndo a dar a coñecer un patrimonio artístico “moi descoñecido para a poboación de Ourense”.
Baixo a dirección de Xosé Lois Foxo, o concerto incluirá unha homenaxe a Ricarda e Julio Domínguez Pérez, “por ser transmisores da cultura do Nadal”, e acollerá o estreo da Marcha Procesional de Nosa Señora dos Remedios de Vilamaior do Val, unha obra de marcado arraigo local. Durante a presentación, Foxo entregou ao bispo a partitura desta composición, que pasará a formar parte do arquivo musical da Catedral como “unha pequena achega á cultura do Nadal”.
O programa contará coa participación de diversos colaboradores, entre eles Lucía Pérez e Xabier Vizcaíno, Nadia Vázquez, o grupo de violíns Tatiana Kostomarova, a Coral de Verín e as Cantoras de Reis de Florderrei e Flor da Xesta de Verín, ademais do apoio da Delegación Episcopal para a Vida Consagrada e do Concello de Verín.
A actuación estruturarase en varias partes que combinarán música tradicional, cantos de Nadal e pezas emblemáticas do repertorio galego, xunto con fragmentos da Écloga Operística Pastora da Serra Sola. O concerto pecharase coa interpretación do Himno Galego e do Himno de Ourense, nun acto de exaltación cultural e identitaria.
O evento poderase seguir tamén en directo a través de streaming no canal de YouTube da Deputación de Ourense, ampliando así o seu alcance a toda a cidadanía dentro e fóra de Galicia. Con esta iniciativa, a institución provincial reforza o seu compromiso coa conservación e difusión da música tradicional galega, apoiando unha formación que é referente internacional e símbolo cultural da provincia.