A Rede Galega pola Palestina convoca mobilizacións este sábado en A Coruña, Ourense e Pontevedra

A Rede Galega pola Palestina convocou mobilizacións para este sábado 29 de novembro en varias cidades galegas co obxectivo de denunciar o colonialismo sionista, coincidindo co 78 aniversario da decisión da Asemblea Xeral das Nacións Unidas que propuxo dividir o territorio do Mandato Británico de Palestina en dous estados separados: un árabe e outro xudeu.
Desde a Rede Galega pola Palestina denuncian que esta decisión decretou que “a totalidade de Palestina non pertencía ás persoas indíxenas que a habitaban” e “supuxo que o pobo palestino quedase só co 47 % do territorio do seu país, mentres que os colonos sionistas se apropiaron do 53 % dunha terra que non lles pertencía”. Este feito, lembran, “levou a un posterior proceso de limpeza étnica e xenocidio do pobo palestino e ao nacemento do actual réxime colonial sionista”.
Con motivo deste aniversario, clave no conflito que hoxe se vive en Palestina, a organización convoca mobilizacións en A Coruña (ás 12:00 horas na Praza de Pontevedra), Ourense (ás 19:00 horas na Praza das Mercedes) e Pontevedra (ás 20:00 horas fronte ao Hospital Provincial).
A Rede Galega pola Palestina reivindica a plena autodeterminación do pobo palestino “do río ao mar”, o dereito de retorno das persoas palestinas, a liberdade dos palestinos detidos, o fin do colonialismo e da ocupación sionista, o desmantelamento do muro e o fin do apartheid. Así mesmo, defende o dereito de resistencia do pobo palestino por calquera medio, incluída a vía armada.
Para acadar estes obxectivos, a Rede apoia a campaña internacional do movemento BDS (Boicote, Desinvestimentos e Sancións a Israel), liderado pola maior coalición da sociedade civil palestina. Deste xeito, respalda as demandas de ruptura de todas as relacións económicas e políticas co réxime sionista, incluído o fin do comercio de armas.