A reforma da sede provincial do INSS de Ourense contará cun investimento de máis de 240.000 euros

OurenseXa
O subdelegado explicou que os traballos teñen como obxecto a adecuación da zona administrativa ás necesidades actuais para un maior benestar laboral
eladio-santos-juan-carlos-blanco
Eladio Santos e Juan Carlos Blanco
19 May 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou este luns que a reforma da planta baixa do edificio que acolle as Direccións Provinciais da Tesourería Xeral da Seguridade Social e do Instituto Nacional da Seguridade Social amosa “o compromiso do Goberno de España” cos servizos públicos e coa súa modernización. Así se pronunciou durante a presentación dos traballos, adxudicados por 241.756 euros (con impostos).

Durante o acto, no que estivo acompañado do subdirector provincial de Xestión Recaudatoria, Juan Carlos Blanco, Eladio Santos sinalou que o obxectivo da renovación é adaptar o espazo administrativo, na planta baixa do inmoble situado na Rúa do Concello, 1, “ás necesidades do presente e do futuro”. “A obra permitirá a modernización dos espazos de traballo, respectando en todo momento os elementos significativos do edificio, como esixe o seu nivel de protección”, explicou.

A actuación contempla a instalación de cerramentos de altas prestacións acústicas e térmicas, o uso de materiais sostibles, reciclados e non contaminantes e a reconfiguración completa da área administrativa. Colocarase un novo pavimento, substituiranse as placas do teito, executaranse novas divisións funcionais e procederase á pintura do espazo. “Todo iso pensado para mellorar as condicións de traballo do persoal e a atención ao público”, sostivo o subdelegado do Goberno. Estas obras súmanse a actuación que xa se está a realizar na primeira planta do inmoble por preto de 40.000 euros para cambiar as ventás e mellorar a eficiencia enerxética.

Durante os seis meses de duración estimada das obras será necesario o traslado temporal dos traballadores e traballadoras da planta baixa a unhas oficinas da rúa Celso Emilio Ferreiro. Por iso, Santos agradeceu comprensión dos empregados e empregadas e dos usuarios do rexistro, que terán que acudir á nova sede desde que comecen as obras. Tamén deu as grazas a todas as persoas que traballaron e traballarán neste proxecto “que fan posible que este edificio siga sendo sinónimo de garantía, proximidade e eficacia”.

O subdelegado afirmou que o Goberno demostra unha vez máis que é a Administración que inviste na cidade de Ourense, xa que sempre apoia os proxectos de envergadura, como a chegada da alta velocidade, as actuacións de humanización de rúas e mellora da mobilidade, a mellora das comunicacións por estrada, o Museo Arqueolóxico e a estación de San Francisco, entre outros.

⚙ Configurar cookies
0.12101912498474