A reforma do Campo da Queixeira contou cun orzamento de preto de 39.000 euros
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao municipio da Arnoia, para supervisar, da man do seu alcalde, Rodrigo Aparicio, o estado das obras de ampliación das instalacións deportivas do campo de fútbol da Queixeira, nas que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes fixo unha achega de preto de 39.000 euros, a través dun convenio asinado co concello, no que a Xunta aportou o 80%.
O delegado territorial salientou as axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local e que distribuíron arredor de 5 millóns de euros en case un cento de concellos, e lembrou que o Goberno galego investiu outros 17,5 millóns de euros en traballos en infraestruturas deportivas tanto de titularidade autonómica, dos concellos como de entidades deportivas da comunidade.
Manuel Pardo destacou que, no marco do compromiso da Xunta coa dotación de instalacións que permitan adestrar e competir en condicións idóneas aos deportistas desde a base á elite, a Xunta leva investidos este ano máis de 22 millóns de euros en case 400 proxectos.
O representante do Goberno galego sinalou que a actuación consistiu nunha edificación illada, nun espazo libre a carón do vestiario para árbitros existente, formada por dous espazos diferenciados e con acceso exterior independente; nun novo vestiario para dar cobertura completa aos árbitros de xéneros feminino e masculino de 11,79 metros cadrados; e un local de reunións de 30,37 metros cadrados totalmente libre e adaptable aos diferentes usos que se lle poida dar como poden ser, reunións das directivas das entidades deportivas que utilicen a instalación, de adestradores ou de socios; así como para a presentación de eventos deportivos.
Xunto co apoio ás entidades locais nas instalacións deportivas da súa titularidade, a Administración autonómica tamén contribúe a melloras nas infraestruturas de entidades deportivas, así como ao funcionamento ao tecido deportivo con achegas ás federacións e aos clubs co obxectivo de que poidan realizar a súa actividade.