A rehabilitación integral do CEIP Manuel Luis Acuña contará cunha inversión dun millón de euros

A Xunta de Galicia garante o seu compromiso coa mellora do Colexio Manuel Luís Acuña de Ourense tras as queixas dos pais e profesores deste centro de ensino, e as denuncias presentadas no Parlamento galego por parte de PSOE e BNG, que levan anos alertando do deterioro das instalacións e dos atrasos na reforma comprometida polo goberno galego fai máis de dous anos.
Dende a Xunta garanten que se levará a cabo unha rehabilitación integral do centro cun orzamento estimada dun millón de euros a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica 2024-2028. Así o afirmou hoxe ante a Comisión 4ª do Parlamento o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.
Dende a Xunta insisten en que o proxecto técnico xa está redactado e que actualmente está en fase de supervisión por parte da unidade de obras. Neste sentido, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP avanza nos trámites da rehabilitación integral do centro ourensán, o que suporá a renovación da cuberta, das fiestras, da fachada, dos falsos teitos e das luminarias do colexio, que ten uns 40 anos de antigüidade.
Respecto á cuberta, o representante autonómico informou da realización dunha inspección técnica na que se verificou que non existen problemas estruturais, senón que as incidencias veñen dun problema nos aliviadoiros dos canlóns, deseñados para un contexto de choivas menos intensas que as actuais, o que está provocando dificultades na evacuación da auga e, como consecuencia, filtracións puntuais. Trátase, xustifica a Xunta, dunha incidencia identificada de mantemento, algo que é competencia municipal e, de feito, os técnicos do Concello xa accederon á baixocuberta, aínda que a solución definitiva deberá agardar a que as condicións meteorolóxicas o permitan. O director xeral destacou tamén que non existe ningún problema operativo coa calefacción actualmente e que o centro está funcionando con normalidade.