A Romaría Raigame de 2024 contará con máis de 100 postos
A vixésimo primeira edición da romaría etnográfica Raigame contará con 120 postos de oficios tradicionais, artesanía en xeral e gastronomía, que estarán distribuídos entre o interior e o exterior do núcleo de Vilanova dos Infantes.
Este ano a romaría fixará a súa mirada no oficio dos tradicionais “dulceiros”, co fin de poñer o foco na actividade artesanal da docería, tan rica, non só nas terras de Celanova, senón tamén ó longo e largo das distintas comarcas da provincia de Ourense.
A esta intensa representación expositiva sumaráselle, coma en anteriores edicións, tódalas actividades de música, danza, representacións escénicas, etc., coa presenza, unha vez máis, dos danzantes de Vilanova e da Banda de Música de Vilanova á cabeza, que volverán a converter a Vilanova dos Infantes na capital do Día da Cultura Galega.
Dende hoxe xa poden ser consultadas na web www.raigame.gal, así como na redes sociais ligadas á propia romaría e ó Concello de Celanova, as solicitudes que lograron un espazo para poderen instalar a súa actividade durante toda a xornada.
En total, a organización recibiu preto de 150 solicitudes para participar nesta edición da tradicional romaría. Dende o Concello de Celanova e dende o Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo lamentan non poder darlle unha resposta afirmativa a todas as solicitudes presentadas, e lembran de que a configuración da trama urbana de Vilanova dos Infantes (unha das razóns polas que a romaría resulta tan atractiva), non permite a instalación de máis espazos, tanto dentro coma fóra do burgo.
Dende a organización destacan tamén que , un ano máis, haberá un servizo continuo de dous autobuses históricos que entre ás 11,00 e as 19,00 horas comunicarán Vilanova dos Infantes con Celanova, co fin de que aquelas persoas que desexen asistir á romaría ou achegarse a Celanova, poidan facelo sen utilizar vehículo propio.
A romaría Raigame está organizada e financiada polo Concello de Celanova e o Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo, organismo dependente da Deputación provincial de Ourense, e conta cunha colaboración económica da Axencia de Turismo de Galicia e de Abanca, así como coa inestimable colaboración da parroquia de San Salvador de Vilanova e outras entidades coma o Museo Etnolóxico de Ribadavia ou a coral De Ruada e, dun xeito especial coa implicación veciñal, sen a cal sería imposible que Raigame teña chegado a ser a fermosa realidade que é hoxe.