O artista portugués Alexandre A. R. Costa expón a súa obra na Sala Alterarte

OurenseXa
‘A céu aberto, uma exposição em devir’ poderá verse ata o 15 de maio no espazo expositivo do Campus
expo-alexandre-alterarte
4 Apr 2026

A Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, acolle ata o 15 de maio a mostra ‘A céu aberto, uma exposição em devir’, unha proposta do artista portugués Alexandre A. R. Costa, comisariada por Sara Fuentes.

A exposición foi inaugurada este xoves pola tarde nun acto no que participaron Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Javier Blanco Sierra, coordinador do ciclo expositivo da Sala Alterarte; así como o propio artista e a comisaria.

A proposta artística xira arredor da experiencia do propio taller do creador, marcado pola presenza da auga como elemento que intervén de maneira directa no proceso creativo. Tal e como explica o artista, “A céu aberto parte dunha condición real e persistente da miña práctica artística: o atelier como espazo permeable”, no que a auga “entra, se infiltra, cae do teito, atravesa paredes, rebenta a canalización, interrompe procesos e reorganiza tempos, materias e decisións”.

Esa situación converteuse, segundo indica, nunha parte estrutural do seu traballo, levandoo a asumir “o inacabado, o fragmento e a suspensión como modos lexítimos do pensar e do facer artístico”. A mostra recolle ese enfoque a través dunha selección de pezas e materiais que dialogan entre si nun espazo entendido como un sistema aberto.

No proceso de concepción da exposición, o artista explica que a concibiu “como unha arqueoloxía viva da miña práctica”, na que se reúnen fragmentos, obras interrompidas e obxectos do día a día do taller, configurando un conxunto no que conviven diferentes estados e tempos de creación. Non se trata, sinala, dunha retrospectiva, senón de “un territorio inestable, de heteroxeneidades que conviven, rexeitando calquera síntese totalizante”.

0.12352299690247