A Sala Alterarte do campus de Ourense inaugurou o ciclo expositivo ‘Mutacións inestables’

A Sala Alterarte, o espazo de arte do campus de Ourense, inicia este curso académico cun novo proxecto expositivo baixo o título ‘Mutacións inestables’, que servirá como marco para as distintas mostras que se desenvolverán ao longo do curso 2025/2026. A primeira proposta que abre este ciclo é ‘A familia e outras aves’, dos ourensáns Xabier e Jorge Varela, que pode verse ata o 6 de novembro.
A mostra parte das lembranzas da infancia dos artistas e da presenza de aves na súa contorna, desde a súa “primeira mascota”, un pato, ata os cucos, as lavandeiras e os pardais, que “na primavera, á primeira hora da mañá, nos espertaban cun multitudinario rechouchío e, aínda que non coñeciamos a linguaxe dos paxaros (a bubela non nolo ensinou), entendiamos que tiñamos que levantarnos e que aquel trilo dirixíase a nós”. Agora, cando moitas destas especies “xa case todos se foron”, os irmáns recrean e reinterpretan a súa presenza, Xabier a través da pintura e Jorge mediante esculturas. Ademais, incorporan obras da súa colección familiar, con pezas de Virxilio, Conde Corbal, Varela Guillot (pai deles), Laxeiro, Acisclo Manzano e Elena Laverón, todas relacionadas co tema das aves.
Este proxecto dá comezo ao ciclo ‘Mutacións inestables (Mesturar disciplinas – romper categorías)’, coordinado por Javier Blanco Sierra, profesor da Universidade de Vigo.
Segundo Blanco, a iniciativa entende a arte como “un territorio de indeterminación onde a identidade, o corpo e a tecnoloxía do artista se entrelazan nun estado de constante devir”. As mostras que forman parte deste ciclo non buscan un ámbito pechado, senón mostrar o proceso de transformación a través de instalacións, pintura, escultura e calquera técnica que propoña unha estética propia capaz de desafiar os estereotipos culturais e abrir novas formas de pensar e comunicar.
O coordinador subliña que o ciclo tamén pretende integrar a reflexión crítica e histórica, concebendo a obra de arte como un artefacto cultural que habita “zonas de ambigüidade radical”. Con isto, Mutacións inestables combina arte, pensamento e imaxe, e convida a espectadores e creadores a exercitar unha interpretación máis ampla e xenerosa, capaz de ampliar as perspectivas sobre a arte e, incluso, sobre a vida.