A Sala Alterarte inaugura a mostra ‘Libre de culpa’, do colectivo Locos con Certificado

Ata o 11 de xullo, a Sala Alterarte, situada no pavillón I do campus de Ourense, alberga a mostra ‘Libre de culpa’, unha proposta artística do colectivo Locos con Certificado comisariada pola psicóloga e historiadora da arte Marta García. A entrada é libre e gratuíta.
Locos con Certificado naceu hai arredor de dous ou tres anos no contexto dun taller de expresión artística libre, promovido pola propia Marta García como ferramenta terapéutica. O nome responde a unha intención clara: reivindicar a loucura non como estigma, senón como forma de estar no mundo, unha maneira subxectiva e valente de relacionarse coa realidade.
A mostra actual constrúese como unha instalación que recrea o interior dunha capela, incorporando pezas de formatos diversos como pinturas, esculturas ou caixas de madeira, e elementos propios do ámbito relixioso como un altar ou un reclinatorio. Segundo explica a comisaria, ‘Libre de culpa’ ofrece un espazo simbólico no que as persoas participantes poden canalizar e compartir reflexións persoais e colectivas acumuladas ao longo do tempo. “A loucura non debe ser silenciada, senón interpretada; é unha linguaxe única, unha expresión da condición humana”, sinala Marta García.
Con esta exposición péchase o ciclo ‘Reciprocidade’, que marcou a programación da Sala Alterarte durante o curso 2024/2025 baixo a coordinación do artista e docente Javier Blanco Sierra. O ciclo incluíu catro mostras anteriores: ‘A arte da guerra/A guerra da arte (56)’, do Equipo Foco; ‘Retratos da paisaxe’, de Enrique Ortiz; ‘A pel. Epílogo’, con obras de Xabier Fernández e Gabriela Rivera; e ‘Pensamento construído’, do escultor Enrique Conde. O responsable da programación destacou a riqueza e variedade das propostas, así como o crecente interese da cidadanía pola sala, que cada vez atrae a máis visitantes.