A Sala José Ángel Valente inaugura a exposición “A enfermidade renal crónica (ERC): un problema de Saúde Pública”

OurenseXa
Poderase visitar ata o 31 de xaneiro
inauguracion-expo-enfermidade-rnal
6 Nov 2025

A Sala José Ángel Valente de Ourense acolle desde hoxe a exposición “A enfermidade renal crónica (ERC): un problema de Saúde Pública”, unha mostra divulgativa que busca concienciar sobre o impacto desta patoloxía, cuxo crecemento nas últimas décadas preocupa á comunidade médica.

A exposición, que poderá visitarse ata o 31 de xaneiro, inaugurouse este mércores e propón un percorrido pola evolución da ciencia e dos tratamentos vinculados á enfermidade renal crónica. Entre os seus principais atractivos, reúne unha vintena de máquinas e dispositivos médicos que ilustran os avances acadados nas terapias de diálise desde comezos do século XX ata a actualidade.

Segundo destacan os organizadores, a mostra constitúe “unha oportunidade única para coñecer máis sobre a enfermidade renal crónica e pon de manifesto a necesidade de impulsar un Plan Nacional de Saúde Renal”.

A iniciativa está impulsada polo nefrólogo ourensán Alfonso S. Otero González e conta coa colaboración do Concello de Ourense, a Deputación Provincial, a Real Academia Nacional de Medicina de España, as sociedades española e galega de nefroloxía, o Colexio de Médicos de Ourense e as empresas Palex e A.M.A., ademais do patrocinio de Coren.

Con esta exposición, a Sala Valente reforza o seu papel como espazo de divulgación científica e de promoción da saúde pública, achegando á cidadanía un tema sanitario de grande relevancia social.

⚙ Configurar cookies
0.070597887039185