A Sala Valente acollerá unha exposición en honra a Roberto Verino
O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome e o deseñador Roberto Verino presentaron esta mañá a exposición audiovisual #estiloverino, que chegará no mes de marzo á cidade, coa colaboración do Concello, para realizar a derradeira parada na súa ruta por diferentes cidades españolas. Do día 14 de marzo até o 25 de abril, na Sala Valente e na rúa do Paseo, o público poderá visitar esta mostra, que comezou en Verín en xuño de 2022, coa conmemoración de 40 anos da marca. “Terminar na nosa segunda casa era e é un compromiso para nós, para todos os que levamos Ourense no corazón, cada vez que facemos algo desde aquí para o resto do mundo”, asegurou o deseñador durante a presentación.
A exposición está composta por unha selección de fotos e vídeos que axudan a entender a esencia do #estiloverino: unha forma de entender a moda baseada en pezas de calidade que son fondos de armario e que son sempre un “musthave”. Dentro desta selección, atópanse imaxes de top models como Christie Turlington, Olatz, Helena Christensen e fotógrafos como Eloy Lozano, Paco Navarro, Jacques Oliveiral, Javier Salgas, Javier Márquez, entre outros.
A esta exposición interna súmaselle unha pequena mostra exterior na rúa do Paseo, na que se poderá ver de forma inédita e en exclusiva fotos de todo o percorrido desta exposición polas 9 cidades anteriores: Verín, A Coruña, Santiago, Oviedo, Burgos, Madrid, Valencia, Santander, Sevilla e Barcelona onde finalizou o 21 de febreiro no recinto da Fundación Palo Alto.
“Esta exposición é moito máis que unha retrospectiva e compilación de fotografías dos mellores fotógrafos de moda. É unha forma de expresión propia. O visitante entenderá que o noso estilo perdura a través dos anos. Son un verdadeiro defensor da importancia da beleza atemporal que nunca pasa de moda”, indicou Roberto Verino. O deseñador subliñou que “para todo o equipo de Roberto Verino era imprescindible que o final deste percorrido en España fose en Ourense. Estamos orgullosos de formar parte do día a día desta cidade, de levar a nosa moda con selo ourensán por todo o mundo”, manifestou. O deseñador agradeceu “a colaboración do Concello pola súa implicación desde o minuto cero para poder celebrala nun lugar tan icónico como esta sala, na que lucirá moito máis se cabe”.