A San Martiño 2025 modifica o seu percorrido polas obras na Avenida de Portugal

O Concello de Ourense avanzou o trazado da 45ª edición da carreira pedestre popular San Martiño, que se celebrará o domingo 9 de novembro.
A proba, de 10 quilómetros e homologada, terá un percorrido excepcional debido ás obras que se realizan na Avenida de Portugal. O itinerario será máis chan que en edicións anteriores e incluirá unha recta final de preto de tres quilómetros.
A saída estará situada na Ponte do Milenio e o percorrido continuará polo barrio da Ponte, rúa Xesús Pousa, Avenida de Marín, Ponte Nova, Avenida Otero Pedrayo, campus universitario, rúa do Paseo, Praza Maior, Xardín do Posío, rúa da Coruña, Nosa Señora da Saínza e Avenida de Zamora até a zona de Expourense. O regreso realizarase pola mesma avenida e a rúa do Progreso até a meta, que se situará na Praza de Concepción Arenal.
O Concello explicou que este trazado terá carácter provisional e que deseñará un novo percorrido para a edición de 2026.