A sede Afundación Ourense acolle este sábado a xornada "Converxencias na diversidade: TDAH, AACC, TEA"
A Sala de Conferencias da Sede Afundación Ourense acollerá este sábado 24 de febeiro a xornada “Converxencias na diversidade: TDAH, AACC, TEA”, organizada por ADAHPO, ANHIDACORUÑA, ASAC GALICIA, ASPERGA e FEGADAH.
O obxectivo é facer unha aproximación aos lugares comúns e puntos de encontro na atención á diversidade nos eidos do Trastorno por déficit de atención e hiperactividade, Altas capacidades intelectuais e Trastorno do espectro autista.
A Xornada comezará ás 11.00 horas cunha mesa redonda titulada “No eido familiar”, na que participarán algúns familiares de nenas e nenos dos ámbitos TDAH, AACC e TEA. A mañá rematará ás 14.00 horas cunha charla que leva por título “Retos e desafíos nas altas capacidades intelectuais” e que será impartida por Miriam Fernández Barreiros, Directora do Equipo Técnico de ASAC Galicia e Psicóloga experta en altas capacidades.
Pola tarde, a partir das 16.00 horas, intervirán Juan Ramos Díez e Belén Manzano Méndez, Psicólogos e formadores de profesorado do equipo de profesionais de FEGADAH, que realizarán a palestra titulada “TDAH, verdades e mentiras”. A continuación participará Rita González Fernández, presidenta de ASPERGA que realizará a palestra “Asperger e os apoios necesarios dentro e fóra da aula”, na que tamén contaremos con Hugo Vigara González, usuario de ASPERGA e Breixo Santa García, socio, usuario e vogal da xunta directiva de ASPERGA. Por último, as 19.00 horas, pecharase a Xornada coa Mesa redonda “No eido educativo”.