A segunda edición da aventura máxica 'Mouridade' regresa a Toén este decembro

A Asociación Amigos do Patrimonio de Toén, en colaboración co Concello, pon en marcha a segunda edición da aventura máxica “Mourindade II”, unha proposta lúdica e cultural que invita a veciños e visitantes a percorrer sete localizacións emblemáticas do municipio desde o 20 de decembro ata o 5 de xaneiro.
“Mourindade II” retoma a lenda iniciada o pasado ano, cando estraños sucesos comezaron a afectar a comarca: sombras preto dos castros, pegadas misteriosas nos camiños e voces que parecen saír da terra. Neste contexto, chega a Toén Lara C. Nelson, unha valente estudante de arqueoloxía procedente das illas británicas, portadora dun segredo familiar que podería cambiar a historia.
Os participantes deberán acompañala na súa misión para seguir a pista dun antepasado moi especial: Sir John Anthony Joaquim Arnolf Nelson, cuxos pasos marcan o destino desta aventura chea de enigmas e sorpresas.
A actividade desenvólvese a través dunha serie de probas distribuídas por distintos puntos do Concello, onde os participantes deberán seguir pistas e resolver enigmas para avanzar na aventura.
Para participar é obrigatorio inscribirse previamente enviando unha mensaxe por WhatsApp ao número 621 396 855. As pistas iranse publicando nas redes sociais da asociación, polo que se recomenda seguir os seus perfís e estar atentos ás actualizacións. Ademais, desde a organización piden aos participantes que, unha vez resolta unha proba, a deixen tal e como está para que outros poidan gozar dela, e no caso de desenterrar algún obxecto, volvan a enterralo para manter a experiencia intacta. Os primeiros 30 participantes que completen as sete probas recibirán un agasallo especial.