A segunda edición de “Mercado en rural con porco celta” chega á provincia de Ourense con degustacións nas prazas de abastos

OurenseXa
Esta iniciativa, impulsada por Asoporcel coa colaboración do Inorde e de Cociña Ourense, pretende incentivar o consumo deste produto cárnico a través de elaboracións gastronómicas únicas
mercado-asprocel-porco-celta-ourense
2 Dec 2025

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, colabora coa Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) e con Cociña Ourense na organización da segunda edición de “Mercado en rural con porco celta”, unha iniciativa que levará degustacións con produtos elaborados con esta raza autóctona a diversas prazas de abastos da provincia.

A proposta foi presentada hoxe no Pazo Provincial polo presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o director técnico de Asoporcel, Iván Rodríguez; o representante de Cociña Ourense, Alberto Fernández, do restaurante Pallabarro; e o tenente de alcalde de Bande, Óscar Cofán.

Rosendo Fernández explicou que esta acción forma parte dos obxectivos do Inorde para seguir traballando “a prol da conservación e recuperación desta raza autóctona, como levamos feito durante tantos anos”. Ademais, subliñou que buscan “defender os intereses dos criadores, impulsar estudos para a súa conservación e promocionar e difundir este produto de primeira calidade”.

Tras o éxito da primeira edición, celebrada en abril, “Mercado en rural con porco celta” volve en plena tempada de Nadal para dar maior visibilidade a esta raza. Neste sentido, Óscar Cofán destacou que “para nós é unha honra acoller esta iniciativa” e invitou á cidadanía a participar nas actividades que terán lugar en distintas localidades ourensás.

Pola súa banda, Iván Rodríguez agradeceu a colaboración da Deputación e explicou que “buscamos achegar os nosos produtos aos consumidores e potenciar o seu uso”.

Durante as degustacións, recoñecidos chefs ourensáns ofrecerán pratos que combinan “tradición e innovación”, como sinalou Alberto Fernández, co porco celta como protagonista principal.

Esta iniciativa enmárcase dentro da campaña “Tan noso” de Asoporcel, que desde hai máis de 25 anos traballa na recuperación e valorización do Porco Celta como símbolo de identidade e compromiso coa gastronomía e o territorio galego.

As degustacións comezaron na feira Xantar e continuarán o 7 de decembro en Bande, con Martín Fernández do restaurante Bágoa Gastrobar. O 12 de decembro a iniciativa trasládase ao Barco de Valdeorras, con Alberto Fernández de Pallabarro, e finalizará o 13 de decembro no Carballiño, con Marco Varela de Casal de Armán.

⚙ Configurar cookies
0.088658094406128