A socialista ourensá María Antonia Álvarez Yáñez recibe a Medalla do Parlamento de Galicia

A socialista ourensá María Antonia Álvarez Yáñez recibiu a Medalla do Parlamento de Galicia, nun recoñecemento á súa traxectoria política e profesional marcada polo compromiso co servizo público e coa defensa da igualdade.
A concesión desta distinción pon en valor o seu percorrido e o seu papel ao longo dos anos, tanto no ámbito institucional como na vida orgánica do partido, converténdose nunha das figuras destacadas do socialismo na provincia de Ourense.
Desde o PSdeG-PSOE de Ourense expresaron a súa satisfacción por este recoñecemento. A secretaria xeral da Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense e secretaria de Igualdade do PSdeG, Natalia González, puxo en valor a distinción, que non só recoñece “unha traxectoria individual exemplar, senón tamén o papel de tantas mulleres que contribuíron, con esforzo e determinación, ao avance da igualdade e ao fortalecemento da democracia no noso país”.
Natalia González asistirá ao acto de entrega da medalla o vindeiro 6 de abril, acompañando á homenaxeada nunha xornada de especial significado, que coincide co aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia. Xunto a ela estará tamén a deputada autonómica Carmen Rodríguez da Costa, reforzando a presenza do socialismo ourensán no acto.
María Antonia Álvarez Yáñez foi a primeira muller en asumir a secretaría xeral da agrupación municipal de Ourense e a primeira deputada autonómica socialista pola provincia, ademais de desempeñar diferentes responsabilidades tanto no Parlamento de Galicia como na estrutura interna do partido.
A súa participación na Conferencia Mundial da Muller celebrada en Beijing en 1995 é outro dos fitos destacados da súa traxectoria, nun encontro internacional clave na defensa dos dereitos das mulleres.