A Subdelegación de Ourense apoia a petición de Venia para actualizar as tarifas da quenda de oficio

As condicións laborais dos profesionais da quenda de oficio volveron situarse no centro do debate tras a reunión mantida entre o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e a delegada do sindicato Venia, Aline Castro.
No encontro, celebrado na Subdelegación do Goberno, Castro expresou a preocupación do colectivo polo estancamento das tarifas que reciben polos servizos prestados. Lembrou que a asistencia xurídica gratuíta é un dereito recoñecido e que “os avogados e avogadas están obrigados a prestar este servizo”, malia que as compensacións non teñen sido actualizadas segundo as necesidades actuais.
Eladio Santos amosou comprensión ante estas demandas e trasladou o seu respaldo aos profesionais, sinalando que “este servizo representa o principio de igualdade ante a lei e é posible grazas ao compromiso e vocación dos avogados e avogadas da quenda de oficio, polo que merecen unhas condicións dignas”. Ademais, instou á Xunta de Galicia a escoitar ao sector e a actualizar as tarifas para garantir a continuidade e calidade do servizo.
O sindicato Venia leva tempo denunciando esta situación, que consideran insostible para un colectivo que presta un labor esencial dentro do sistema xudicial, especialmente para as persoas con menos recursos.