A Subdelegación do Goberno convoca a 41ª edición do seu Concurso da Constitución para estudantes ourensáns

OurenseXa
O prazo para enviar os traballos estará aberto ata o 14 de novembro
presentacion-concurso-constitucion
16 Oct 2025

A Subdelegación do Goberno en Ourense presentou esta mañá a cuadragésima primeira edición do Concurso da Constitución, dirixido ao alumnado de todos os niveis educativos da provincia.

Nesta ocasión, os traballos deberán abordar o artigo 45.2: “Os poderes públicos garantirán o uso racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer e mellorar a calidade de vida e defender e restaurar o medio ambiente, coa axuda da imprescindible solidariedade colectiva”.

Durante a súa intervención, Eladio Santos explicou a elección deste artigo debido á emerxencia climática e á devastación sufrida na provincia o pasado verán polos incendios forestais. “O territorio queimado este ano lémbranos o deber de coidar o noso contorno natural e, o máis importante, que aquilo que se esquece repítese”, enfatizou.

Santos tamén destacou a traxectoria do concurso, que celebra o seu 41.º aniversario, e definiuno como un “referente na difusión da Constitución. A nosa Carta Magna é o texto legal por excelencia, un pacto histórico que nos lembra que todos formamos parte dun proxecto común: unha sociedade libre, respectuosa e solidaria”.

O concurso supera cada ano os 1.000 traballos presentados, tal e como recordou o subdelegado, sendo un dos máis consolidados e con maior participación da provincia. Na edición anterior, recibíronse 1.719 obras procedentes de 22 colexios de Educación Primaria e 11 de Educación Secundaria, enviando as bases a máis de 150 centros da provincia.

En canto á mecánica do concurso, os participantes de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial deberán presentar un debuxo ou unha obra artística, mentres que os de ESO, Bacharelato, Formación Profesional e Universidade poderán elixir entre unha fotografía ou un vídeo dun máximo dun minuto.

Os premios entregaranse o 6 de decembro, nun acto institucional con motivo do Día da Constitución, e os gañadores recibirán un exemplar da Carta Magna. Ademais, os máis pequenos tamén obterán un agasallo, e os premiados na categoría principal recibirán un bono cultural ou tecnolóxico de 400 euros, válido en establecementos adheridos ao programa de bonos culturais do Goberno e con tenda física na provincia.

O xurado estará composto polo Delegado Adxunto do Goberno, o Secretario Xeral e representantes do Concello de Ourense, da Xunta de Galicia, da Escola de Arte e Deseño Antonio Failde, así como do PP e do PSOE provincial. Entre eles tamén participará o Inspector de Educación, Xosé Fernández, que destacou esta iniciativa para “animar aos centros educativos a participar para que a Constitución, onde se atopan os dereitos fundamentais, sexa ben coñecida”.

⚙ Configurar cookies
0.075556993484497