A Subdelegación do Goberno de Ourense chama a reforzar a igualdade institucional no 8M

OurenseXa
Eladio Santos presidiu esta mañá os actos institucionais con motivo do Día Internacional da Muller facendo un chamamento a avanzar cara “un futuro máis xusto, máis libre e máis igualitario”
acto-8m-subdelegacion-ourense
9 Mar 2026

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu este luns o acto con motivo do Día Internacional da Muller, no que destacou a necesidade de “reforzar o compromiso institucional” para avanzar cara “un futuro máis xusto, máis libre e máis igualitario”.

Durante a cerimonia, organizada baixo o lema “Dereitos, xustiza e acción para todas”, puxéronse en valor a evolución dos dereitos das mulleres, comparando o “antes” co “agora”. A xornada incluíu intervencións de funcionarias da administración e estivo musicalmente acompañada por estudantes do Conservatorio Profesional de Música de Ourense.

Na lectura do manifesto, Santos situou a España como “un dos países europeos con maiores avances en igualdade”, grazas a medidas como a reforma laboral, a extensión de plans de igualdade, a transparencia salarial e a ampliación de permisos por nacemento, así como a iniciativas contra a violencia de xénero e a violencia vicaria. Non obstante, advertiu que “estes avances non deben levarnos á compracencia, xa que persisten desigualdades” e subliñou a importancia de promover a corresponsabilidade e un sistema público de coidados que non penalice a traxectoria profesional das mulleres.

O subdelegado tamén remarcou a necesidade de protexer a nenas e adolescentes fronte ás novas formas de violencia machista. “É imprescindible reforzar os mecanismos de prevención, detección e protección, tal como recolle o Proxecto de Lei Orgánica para a protección das persoas menores de idade nas contornas dixitais”, subliñou.

Ademais, Santos recoñeceu “o papel imprescindible” do movemento feminista e das asociacións de mulleres, cuxa labor, dixo, foi clave para que “os dereitos que hoxe consideramos irrenunciables” se fagan efectivos na sociedade.

O acto rematou cun chamamento a toda a sociedade e ás institucións na loita pola igualdade. “Ningunha sociedade pode considerarse plenamente democrática mentres a metade da súa poboación siga atopando obstáculos para exercer os seus dereitos en condicións de igualdade. Cándo avanzan as mulleres, avanza a democracia”, subliñou o subdelegado.

0.10465383529663