A Subdelegación do Goberno de Ourense fai balance da xestión dos organismos do Estado na provincia

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu esta mañá a Comisión de Asistencia ao Subdelegado, na que repasou cos responsables dos distintos organismos da Administración Xeral do Estado as principais actuacións realizadas no primeiro semestre do 2025 e as previstas para os próximos meses. Este órgano de asesoramento e apoio está composto polos máximos responsables dos servizos pertencentes aos distintos Ministerios na provincia.
Na xuntanza, na que tamén estivo o secretario xeral da Subdelegación, Manuel Arias, o subdelegado enxalzou “a vocación de servizo público” dos traballadores e traballadoras dos distintos organismos, que “constrúen día a día unha administración máis próxima, responsable, transparente e adaptada ao século XXI”.
Durante a comisión, os diferentes responsables deron a coñecer ao subdelegado un balance de xestión do acontecido nos seus respectivos organismos. “Estas reunións son esenciais para compartir experiencias e impulsar novas ideas de colaboración, co fin de seguir mellorando”, expuxo Eladio Santos.
A Lei do Réxime Xurídico do Sector Público establece que en cada Subdelegación do Goberno debe haber unha Comisión de Asistencia ao Subdelegado, presidida por el mesmo e integrada polo secretario xeral e os titulares dos órganos e servizos territoriais, tanto integrados como non integrados, da provincia. Esta comisión coordina as actuacións que se executan de forma homoxénea no ámbito provincial para asegurar o cumprimento dos obxectivos xerais fixados polo Goberno aos servizos territoriais.
Aparte dos representantes da Subdelegación do Goberno, asistiron á reunión os responsables provinciais do Corpo Nacional de Policía, a Garda Civil, a Dirección Xeral de Tráfico, o Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar, Economía e Facenda, Inspección de Telecomunicacións, MUFACE, o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), a Unidade de Estradas do Estado, o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) e a Tesourería Xeral da Seguridade Social (TGSS), a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Avogacía do Estado, o Instituto Nacional de Estatística (INE) e a Inspección de Traballo.