A Subdelegación do Goberno de Ourense impulsa a protección das vítimas de violencia de xénero no ámbito laboral

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou este xoves durante a xornada formativa organizada polo organismo a importancia de continuar avanzando en políticas públicas que protexan ás vítimas de violencia de xénero no entorno laboral.
Acompañado pola xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, Alida Iglesias, Santos subliñou o compromiso do Executivo con medidas que integren igualdade, emprego digno e protección para as vítimas. “Sabemos que só con administracións implicadas, marcos normativos sólidos e profesionais especializados poderemos seguir avanzando na loita contra a violencia machista”, afirmou.
O subdelegado valorou a relevancia da formación neste ámbito e agradeceu a asistencia tanto dos participantes como da conferenciante. “Espazos como esta xornada permiten incorporar novas ferramentas xurídicas e mellorar a resposta institucional desde os distintos ámbitos profesionais implicados para avanzar cara unha sociedade máis igualitaria”, indicou.
Santos tamén resaltou a necesidade de abordar a conciliación laboral desde a perspectiva de violencia de xénero, xa que “mentres sigan existindo barreiras laborais para as mulleres, seguirán perpetuándose as situacións de dependencia”. Engadiu que “protexer ás vítimas tamén é garantirlles condicións reais para vivir libres”.
A conferencia, titulada “Medidas de Conciliación e Protección Social con Perspectiva de Violencia de Xénero”, foi impartida pola xurista e funcionaria especializada en contratación pública Mariña Dobarro Caamaño, xefa de sección de Incapacidade Permanente do INSS da Coruña. Máis de 70 persoas asistiron ao evento, entre elas traballadores dos Centros de Información á Muller (CIM), traballadoras sociais, membros das Forzas e Corpos de Seguridade e representantes de ONGs.