A Subdelegación do Goberno de Ourense organiza unha xornada de portas abertas

OurenseXa
A sede da Subdelegación acollerá o mércores dúas charlas, unha sobre o Regulamento de Estranxeiría e outra do programa de extensión de banda ancha UNICO
portas-abertas-subdelegacion
16 May 2025

A Subdelegación do Goberno en Ourense organiza diversas actividades para celebrar a Semana da Administración Aberta 2025, que terá lugar do 19 ao 25 de maio. A Semana da Administración Aberta é unha iniciativa impulsada a nivel mundial pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week), que ten como finalidade a organización de eventos que acheguen as Administracións Públicas á cidadanía.

Con este obxectivo, a Subdelegación do Goberno en Ourense realizará os días 19 e 20 de maio visitas guiadas para empregados e empregadas públicos á Biblioteca Pública do Estado Nós, situada na Rúa Canle, 6, de Ourense. Foron 60 os traballadores da Administración que confirmaron a súa asistencia a esta actividade, que estará dividida en catro quendas: dúas o luns, ás 10:00 e ás 12:00, e dúas o martes ás mesmas horas.

Por outra banda, a Subdelegación do Goberno organiza tamén unha xornada de portas abertas para diferentes entidades sociais e veciñais na súa sede, na Rúa Parque de San Lázaro, 1, o mércores 21 de maio ás 12:00 horas. Os asistentes participarán nunha visita guiada para coñecer o edificio.

O obxectivo é mostrarlles todos os servizos e ofercerlles dúas charlas informativas. Unha estará impartida pola xefa da Oficina de Estranxeiría, Josefina Rodríguez, e versará sobre as principais novidades do novo Reglamento de Estranxeiría. A segunda, ofrecida polo xefe provincial de Telecomunicacións, Enrique San Martín, abordará o programa de extensión de banda ancha por satélite UNICO.

Outras actividades de servizos do Estado en Ourense

Con motivo da semana da Administración Aberta, outros servizos do Estado en Ourense organizan diferentes actividades. A Xerencia Territorial do Catastro realizará o martes, 20 de maio, unha enquisa, que combina a modalidade presencial e en liña, para coñecer a valoración dos usuarios sobre a atención, servizos e xestións que se ofrecen.

A Delegación do INE en Ourense organiza unha xornada de portas abertas o martes, 20 de maio, dirixida á cidadanía, na que os asistentes recibirán unha breve exposición sobre a institución e os seus labores: achegamento á súa páxina web para a obtención de información, datos curiosos que se poden consultar e, finalmente, unha visita guiada polas dependencias. Haberá dúas quendas para a realización desta actividade, ás 10 e ás 12 horas, e será na sede do INE (Rúa Salvador Dalí, 13-15).

Tamén a Subdelegación de Defensa abre as súas portas á cidadanía o mércores, 21 de maio, ás 11:00 horas. Esta actividade, na súa sede da Rúa do Paseo, 35, inclúe unha visita guiada polas instalacións para coñecer a súa historia e cometido. Os asistentes poderán ver tamén a exposición “Gulías y la Subdelegación de Defensa. Su visión de la ciudad”, exhibida no interior das dependencias.

O mesmo día, o mércores, a Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense ofrecerá unha charla informativa sobre o novo “Teórico do permiso de conducir en linguaxe sinxela”, dirixida á Asociación de persoas xordas de Ourense e á Federación de Persoas con Discapacidade Intelectual (FADEMGA), co obxectivo de facilitar a obtención do permiso de conducir ás persoas con algún tipo de discapacidade. Ademais, os asistentes tamén recibirán información, recomendacións e consellos sobre seguridade viaria.

Paralelamente, a Delegación da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) en Ourense organiza o mércores, 21 de maio, ás 10:00 horas, unha charla informativa coa finalidade de concienciar á cidadanía en xeral, e especialmente ás mulleres vítimas de violencia de xénero, sobre as condutas que implican un control financeiro da vítima de violencia, así como os efectos non desexados para a mesma no ámbito fiscal.

Xa o xoves, 22 de maio, será a quenda da Dirección Provincial de Ourense do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social (INSS/TGSS), cunha actividade dirixida á cidadanía na Praza Eduardo Barreiros, 2. Calquera cidadán que asista recibirá atención personalizada e será informado sobre os servizos electrónicos do INSS e o portal IMPORTASS da TGSS. O horario de atención ao público será de 9:00 a 14:00 horas.

Tamén o xoves, o Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar realizará unha visita guiada polas súas instalacións para a cidadanía en xeral e para empregados e empregadas públicos. Comezará ás 17.00 horas e durará aproximadamente dúas horas, nas que os asistentes coñecerán os diferentes programas de tratamento que ofrece o centro aos internos e o traballo que realiza diariamente o persoal.

As portas da Comisaría Provincial da Policía Nacional (Rúa Mestre Vide, 4) ábrense tamén o xoves para recibir a funcionarios, funcionarias da Administración Xeral do Estado e tamén á cidadanía en xeral. Haberá unha visita guiada para dar a coñecer os servizos que se ofrecen e as instalacións.

⚙ Configurar cookies
0.17104196548462