A Subdelegación do Goberno de Ourense organizou unha xornada formativa sobre o novo Regulamento de Estranxeiría

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, inaugurou esta mércores unha xornada ipara informar sobre o novo Regulamento de Estranxeiría, que entrará en vigor o vindeiro 20 de maio, e especialmente sobre as novidades que incorpora no ámbito das mulleres vítimas de violencia de xénero e violencia sexual. Tratouse dunha actividade enmarcada na programación da Subdelegación do Goberno en Ourense para o 8M, Día Internacional da Muller.
Durante esta sesión, impartida pola xefa da Oficina de Estranxeiría da Subdelegación, Josefina Rodríguez, e coordinada pola a xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller, Alida Iglesias, afondouse nas melloras que a reforma do Regulamento da Lei de Estranxeiría que promove o Goberno outorga ás mulleres vítimas de trata, violencia sexual ou violencia de xénero, coa finalidade de achegar información clara aos cidadáns e persoal técnico implicado na materia.
No caso familiar, o novo regulamento ten en conta realidades que antes non se contemplaban, como as parellas non rexistradas formalmente que poidan acreditar unha relación afectiva análoga ou o reagrupamento de fillos e fillas de ata 26 anos, pero especialmente o reagrupamento de fillos/as e proxenitores de vítimas de trata, de vítimas de violencia sexual ou violencia de xénero.
Neste senso, o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, destacou que a nova normativa “presenta maior seguridade xurídica e maior facilidade para a obtención de permisos de residencia e de traballo para as vítimas”. Ademais, insistiu en que a loita contra a violencia sobre as mulleres “é unha prioridade absoluta para este Goberno e no eido da inmigración é preciso renovarse. O obxectivo da nova norma é claro, adecuar a lexislación á situación actual e responder ás necesidades das persoas migrantes, do actual mercado laboral e do reto demográfico”, sinalou.
As tres chaves para a inclusión de inmigrantes que se contemplan coa nova regulación son a formación, a familia e o emprego. “Todo con seguridade e garantías xurídicas”, recalcou Santos, “fronte ás decisións doutras administracións que rexeitan a acollida e incluso propoñen a expulsión, o Goberno central ten claro que aposta por unha política de acollida para a xente que ven a buscar un futuro mellor. É a nosa obriga, é un deber moral e unha cuestión de dignidade humana, ademais de dar cumprimento ao dereito internacional”, dixo.
Unha aposta política con evidentes vantaxes, “gaña a administración porque regula e ofrece garantías, gañan as persoas migrantes que poden comezar un novo proxecto de vida, gaña a sociedade mellorando os seus datos demográficos e gañan as empresas que solicitan man de obra. É un valor para o estado do benestar”, concluíu.
Ademais, lembrou que esta nova regulación “foi pausada e negociada, froito do diálogo do Goberno central cos colectivos sociais, ONGs, organizacións profesionais e administracións locais e autonómicas”.
A esta xornada asistiron máis de 60 persoas, entre as que se atoparon representantes de colexios profesionais, asociacións, forzas de seguridade, traballadoras sociais e diverso persoal vencellado con cuestións de inmigración e violencia de xénero.