A Subdelegación do Goberno de Ourense presenta a iniciativa 'Vivas para contarlo'

OurenseXa
Esta publicación está composta por 13 microrrelatos de vítimas de violencia de xénero e sexual, e 10 testemuños de persoas que comparten a súa vida profesional con vítimas de violencia de xénero
Presentación de 'Vivas para contarlo'
Presentación de 'Vivas para contarlo'
20 Nov 2024

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e a xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller, Alida Iglesias, presentaron esta mañá na Biblioteca Pública Nós da capital o libro “Vivas para contarlo”, unha iniciativa que xurdiu da Comisión de seguimento das vítimas de violencia de xénero, que mensualmente se reúne na Subdelegación do Goberno, e da que forman parte representantes das Forzas e Corpos de Seguridade, persoal do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, o secretario xeral da Subdelegación e o persoal da Unidade de Violencia da mesma.

Esta publicación está composta por 13 microrrelatos de vítimas de violencia de xénero e sexual, e 10 testemuños de persoas que comparten a súa vida profesional con vítimas de violencia de xénero.

Durante a presentación, o subdelegado do Goberno destacou que “as que están á vangarda da loita contra a violencia de xénero son as propias mulleres. E, por iso, este libro vai de mulleres valentes e decididas, que queren vivir, que sufriron pero que adoptan unha actitude se superación para lograr un novo proxecto de vida, no que ser libres e felices”.
Ademais, Santos lembrou que “as cifras actuais impulsan ás institucións que estamos implicadas a seguir tomando medidas e a realizar actos coma este, para dar visibilidade e voz a aquelas mulleres que sufriron e sofren este tipo de violencia”.

Pola súa banda, a xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias, explicou que o libro ten o propósito axudar a outras mulleres que poidan estar pasando por situacións semellantes. “Abarca unha ampla variedade de historias, desde mulleres xoves ata maiores, de diferentes culturas e contextos, pero unidas polo mesmo desexo de trasladar a outras vítimas, que viven no silencio da violencia, que con forza e valentía poden reconstruír as súas vidas”, destacou.

Ademais, con esta publicación procúrase que quen a lea comprenda mellor a magnitude e as secuelas da violencia de xénero e sexual, e que as vítimas se vexan dende unha perspectiva de empatía e respecto. “É un problema que nos involucra a todas e todos, e debemos traballar xuntos para erradicalo”, insistiu Alida Iglesias.

O ex subdelegado do Goberno, Emilio González, foi o encargado de realizar as ilustracións que acompañan aos relatos. “A súa implicación non só se centrou no punto de vista profesional de cando foi subdelegado, senón tamén dende o punto de vista artístico”, destacou del Eladio Santos.

0.17083883285522