A Subdelegación do Goberno en Ourense organiza unha xornada sobre a Lei da Cadea Alimentaria

OurenseXa
Será este xoves, 9 de abril, co obxectivo de achegar información, coñecemento e ferramentas aos profesionais do sector primario
tomates-recurso
7 Apr 2026

A Subdelegación do Goberno en Ourense acollerá esta semana unha xornada formativa sobre a Lei da Cadea Alimentaria dirixida ao sector primario, co obxectivo de achegar información, coñecemento e ferramentas aos profesionais do ámbito agrario e gandeiro da provincia.

A sesión terá lugar o xoves 9 de abril, a partir das 10:30 horas, na aula de formación da Subdelegación, e será impartida por persoal da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Durante a xornada abordaranse cuestións como as competencias das distintas autoridades na aplicación da lei, a cooperación con outros países, os controis realizados e os seus resultados, así como as particularidades sectoriais.

O encontro busca ofrecer recursos prácticos aos agricultores e gandeiros para resolver as problemáticas relacionadas coa aplicación desta normativa e contribuír a garantir prezos xustos nos seus produtos.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou a relevancia do sector primario para o Executivo central, sinalando que “o sector primario é unha prioridade para o Goberno de España, que permanece ao seu carón e defendendo os seus intereses”. Así mesmo, engadiu que “este tipo de xornadas de intercambio de información co sector amosan o esforzo que realiza o ministerio por lograr unha vida digna para os agricultores e gandeiros e defender os produtos de calidade”.

Santos animou a participar nesta actividade a diferentes asociacións, sindicatos e entidades que representan a agricultores e gandeiros da provincia, e puxo en valor a importancia da formación para a correcta aplicación da lei, lembrando que “a Lei da Cadea Alimentaria é das máis protectoras para o produtor e está a ser referente en Europa. Por iso, é fundamental a formación para coñecela e aplicala correctamente”.

0.12528204917908