A Subdelegación do Goberno en Ourense recibe a certificación de Selo de Excelencia polo Modelo CAF

OurenseXa
O tribunal destacou o modelo de xestión “con evidencias claras de compromiso institucional” que a definen como “unha organización pública de referencia no seu ámbito territorial”
subdelegacion-selo-excelencia-caf
27 Oct 2025

A Subdelegación do Goberno en Ourense vén de recibir a certificación de Selo de Excelencia polo procedemento de xestión de calidade conforme ao Modelo CAF (Marco Común de Avaliación). Esta certificación ten unha vixencia de tres anos desde a súa emisión, coa posibilidade de renovación por un ano máis previa avaliación.

O equipo avaliador destacou que a organización “demostrou un compromiso firme coa mellora continua e a excelencia na xestión pública” e que, a través da súa estrutura organizativa e “dunha clara orientación ao servizo cidadán”, “consolidou prácticas que reflicten unha evolución positiva na calidade dos seus servizos”. Ademais, salientan un modelo de xestión “con evidencias claras de compromiso institucional” e mellora continua, que a definen como “unha organización pública de referencia no seu ámbito territorial”.

Entre os aspectos máis valorados polo equipo avaliador están a orientación á calidade e a mellora mediante métodos LEAN e procesos de autoavaliación, a existencia dunha Guía de Trámites e Procedementos actualizada, o cumprimento da Carta de Servizos cun 100% en 2024; e a presenza de plans asociados á carta de servizos e medidas de igualdade, calidade, protección ambiental, accesibilidade e prevención de riscos laborais.

O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, destacou que o selo demostra que a Subdelegación é “un órgano administrativo eficiente e comprometida coa excelencia en todos os procesos”. Engadiu que o seu obxectivo é “converterse nun referente en calidade dos servizos públicos, coa proximidade, a axilidade, a capacidade resolutiva, a mellora continua e a cooperación interadministrativa como principais eixos da súa acción”. Santos tamén subliñou que a Subdelegación de Ourense é a única en Galicia en recibir esta distinción, “a excepcionalidade deste selo di moito do magnífico funcionamento desta organización e do noso desexo de mellorar continuamente os procesos polo benestar da cidadanía”.

Ademais, anunciou un reforzo inminente do persoal, “o que axudará a seguir mellorando esta excelencia”. Están en proceso de incorporación seis persoas: unha para Protección Civil, dúas para a unidade de Estranxeiría; unha en Autorizacións, outra en Persoal, e unha máis para a Unidade contra a Violencia sobre a Muller. Santos explicou que se reforza así “a resposta ante emerxencias” e tamén unha unidade esencial “para facer fronte á lacra machista que sofre a nosa sociedade e acompañar ás vítimas”.

O Modelo CAF é unha ferramenta de xestión da calidade total inspirada nos principais modelos europeos, especialmente no modelo de excelencia da Fundación Europea para a Xestión da Calidade (EFQM), deseñada para as organizacións do sector público.

⚙ Configurar cookies
0.076689958572388