A Subdelegación do Goberno en Ourense reforza a seguridade na cidade durante as festas de Nadal

OurenseXa
Reforzarase a vixilancia durante as celebracións, especialmente para previr posibles aglomeracións
Nadal Ourense, 2024
10 Dec 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, animou hoxe á poboación a vivir as festas de Nadal “con prudencia, responsabilidade e respectando as normas”. Así o indicou na reunión da Xunta Local de Seguridade que presidiu esta mañá.

Santos explicou que as forzas de seguridade están a ultimar os preparativos para reforzar a vixilancia durante as celebracións, especialmente para previr posibles aglomeracións nas zonas de lecer. A Policía Nacional e a Policía Local incrementarán as patrullas nos principais puntos da cidade durante as noites de Fin de Ano e Noiteboa, así como os fins de semana. Ademais, haberá un operativo especial para o partido da Copa do Rei que enfrontará ao Ourense CF co Athletic Club de Bilbao no estadio de O Couto.

Respecto á situación da delincuencia, destacouse que “un de cada catro delitos en Ourense está relacionado coa ciberdelincuencia”, unha modalidade que preocupa pola súa complexidade e a necesidade de investigación. En canto aos delitos tradicionais, predominan as infraccións menores como roubos en vehículos, que moitas veces están vinculados ao consumo de drogas. A pesar diso, observouse unha redución na actividade delituosa tras os primeiros meses do ano.

Para combater estes problemas, explican desde a subdelegación, a Policía Nacional reforzou as súas patrullas, centrando a vixilancia en zonas de lecer nocturno e barrios como Vinteún, Santa Teresita, A Ponte, Covadonga e O Pino. Tamén se manteñen controis intermitentes en edificios públicos e estacións, debido ao nivel catro de alerta antiterrorista.

En materia de prevención, continúa activo o Plan Comercio Seguro, con máis de 90 visitas informativas a comercios desde o Black Friday, dada a maior afluencia que se espera que se manteña ata xaneiro. Ademais, realizáronse charlas con asociacións veciñais e reunións con institucións para protexer especialmente ás persoas maiores, dentro do Plan Maior Seguridade.

No ámbito da violencia de xénero, o subdelegado lembrou que actualmente “184 mulleres están protexidas polas forzas de seguridade no marco do sistema VIOGEN”, cifra que supón 21 casos activos máis dende a última reunión en maio de 2025.

Á Xunta Local de Seguridade asistiron representantes de diferentes institucións e corpos policiais, así como membros de asociacións veciñais e do sector comercial, todos comprometidos coa seguridade cidadá durante estas festas.

⚙ Configurar cookies
0.080897092819214