A Subdelegación do Goberno entrega os premios da 41ª edición do Concurso da Constitución

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, fixo un chamamento a “fortalecer” os dereitos e liberdades recollidos na Constitución, á que definiu como “un contrato que obriga ás institucións e Administracións públicas a garantir o benestar da cidadanía”. Estas palabras pronunciounas durante o acto de conmemoración do 47º aniversario da Constitución Española, organizado pola Subdelegación do Goberno e promovido polo Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade.
O acto, no que se entregaron os premios da 41ª edición do Concurso da Constitución, contou coa actuación da Banda de Guerra da Brigada Galicia VII da BRILAT, en homenaxe e agradecemento ao traballo realizado por esta unidade do Exército de Terra durante a grave vaga de incendios que sufriu a provincia de Ourense o pasado verán.
Durante o seu discurso, Eladio Santos subliñou que a Carta Magna “é unha peza esencial da nosa democracia” e lembrou que “esa democracia conquistouse con moitas dificultades e que, lamentablemente, aínda hoxe non podemos dála por garantida. Esixe compromiso, responsabilidade e esforzo de todos os representantes públicos e de toda a sociedade”.
O subdelegado tamén advertiu sobre a proliferación actual de “discursos de odio, mensaxes que sementan división, que alimentan o enfrontamento, que cuestionan principios básicos da convivencia e que mesmo queren reescribir a historia”. Frente a isto, afirmou que “a Constitución preséntase como un faro, como un recordatorio de que a nosa forza reside na unidade, na diversidade, e no respecto”.
Durante a gala entregáronse os premios do Concurso da Constitución Española organizado pola Subdelegación do Goberno en Ourense, que recaeron en 20 alumnos e alumnas da provincia polos seus debuxos, fotografías e vídeos centrados no artigo 45.2 da Carta Magna: “Os poderes públicos vixiarán pola utilización racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer e mellorar a calidade de vida e defender e restaurar o medio ambiente, coa axuda da indispensable solidariedade colectiva”.
Concedéronse 10 premios na categoría de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial, cuxos gañadores recibiron un agasallo e un exemplar da Constitución Española; e 10 na categoría de Ensino Secundario Obrigatorio, Bacharelato, Ciclos Medios de Formación Profesional e Universidade, que obtiveron un bono cultural e tecnolóxico.
Eladio Santos agradeceu a gran participación do alumnado nesta 41ª edición do concurso, na que se recibiron máis de 1.300 traballos, e felicitou aos premiados.
Ademais, cinco das seis mencións especiais concedidas con motivo do 47º aniversario da Constitución foron outorgadas polo seu labor durante os devastadores incendios do pasado verán, nomeadamente ao Quinto Batallón de Intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME), á BRIF de Laza, á Asociación de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia de Ourense, á Garda Civil de Ourense e ao xornal O Sil. Tamén se entregou un recoñecemento á asociación Aixiña polo seu traballo a favor da inclusión cultural e social das persoas con diversidade funcional.
Carmina Gustrán, comisionada para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade, sinalou que “celebrar medio século de liberdade é tamén celebrar a pluralidade que nos define como país. España é un Estado diverso, rico en territorios, linguas, tradicións e expresións culturais. Por iso ten sentido que o programa conmemorativo sexa descentralizado, para que cada recuncho do noso país participe e achegue a súa voz a esta celebración dos valores democráticos que compartimos”.