A Subdelegación do Goberno fai un chamamento á “tranquilidade” no barrio do Pino

OurenseXa
A veciñanza denunciou a “inseguridade” que está a xerar unha nave presuntamente ocupada de forma ilegal na zona
eladio-santos-avv-santa-ana-do-pino
Eladio Santos nun encontro coa veciñanza do Pino
17 Jul 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, recibiu esta mañá a representantes da Asociación de Veciños de Santa Ana do Pino de Ourense para escoitar as súas demandas relativas á seguridade cidadá e trasladoulles unha mensaxe de tranquilidade.

No encontro,no que participaron tamén o comisario provincial xefe da Policía Nacional, Juan Cástor Vázquez, e o inspector xefe da Brigada de Seguridade Cidadá, Pablo Álvarez, a representación da veciñanza agradeceu ao subdelegado do Goberno “a súa pronta resposta ao seu escrito e a súa rapidez en atendelos no seu despacho”.

Os portavoces da asociación trasladaron a súa inquedanza por unha nave presuntamente ocupada de forma ilegal na zona, onde perciben, din, unha sensación de inseguridade.

Eladio Santos asegura que a Policía Nacional mantén operativos especiais de vixilancia en determinados barrios da cidade, entre eles, o do Pino, e nos últimos tempos non apreciou un aumento da actividade delituosa na zona, polo que enxalzou “o intenso traballo” que fan os axentes por manter a seguridade nas rúas da cidade.

Ademais, o subdelegado mostrou a súa disposición para atender as súas demandas porque “a Administración do Goberno de España está aberta” e asegurou que a situación está controlada e vaise resolver. Finalmente, Eladio Santos invitou a outras Administracións a recibir aos veciños e implicarse no asunto, xa que no barrio existen persoas sen fogar que deben ser atendidas por quen ten as competencias en Servizos Sociais.

“A Subdelegación do Goberno e a Policía Nacional están a facer o seu traballo con recursos e con información veraz, pero é precisa a involucración doutros servizos para atallar os problemas”, remarcou. Así mesmo, invita aos veciños e veciñas a chamar á Policía Nacional a través do 091 cada vez que teñan coñecemento dun acto presuntamente delituoso.

⚙ Configurar cookies
0.81991195678711