A terceira edición da Escola Municipal Continua ofrecerá 37 obradoiros durante este curso

OurenseXa
O prazo de inscrición abre este luns para maiores de 18 anos empadroados no municipio e as propostas inclúen dende propostas formativas ata actividades deportivas, de lecer e artísticas
Imaxe recurso de ioga
23 Mar 2026

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Educación, pon en marcha unha nova edición da Escola Municipal Continua, un programa formativo dirixido á poboación adulta que nesta ocasión ofrece un total de 37 obradoiros.

A iniciativa, que acada a súa terceira edición, está dirixida a persoas maiores de 18 anos empadroadas no municipio e busca dar resposta tanto a necesidades formativas como de lecer. A programación inclúe propostas en ámbitos como a formación, as novas tecnoloxías, a cultura do corpo e da saúde, a arte e a creatividade ou o medio ambiente.

Na área artística e creativa, o programa incorpora obradoiros como arte floral, escritura de memorias, conservación de antigüidades, debuxo e pintura ou teatro e dramatización. Pola súa banda, a oferta vinculada ao benestar e á actividade física é especialmente ampla, con actividades como bachata en distintos niveis, pilates reformer, pole dance, step, ioga, estiramentos ou ximnasia abdominal hipopresiva, ademais de propostas relacionadas coa cociña, como “cociñas do mundo”, elaboración de pans e masas saudables ou tapas creativas.

No apartado formativo destacan cursos como atención sociosanitaria a persoas maiores dependentes, lingua de signos en niveis inicial e avanzado, primeiros auxilios ou formación para monitores de comedor e transporte escolar. A isto súmanse obradoiros de novas tecnoloxías, con contidos como iniciación e nivel intermedio en dixitalización, redes sociais ou uso básico da intelixencia artificial.

O programa tamén inclúe actividades centradas no medio ambiente, como o coñecemento de plantas medicinais galegas ou a biodiversidade urbana en Ourense.

O prazo de inscrición ábrese este luns e deberá realizarse exclusivamente de forma telemática a través da web municipal. Cada persoa poderá anotarse nun máximo de catro obradoiros.

Desde o Concello explican que, ante a alta demanda prevista, estableceranse criterios de prioridade na adxudicación de prazas. Terán preferencia as persoas en situación de desemprego, xubiladas ou dedicadas ás tarefas do fogar, seguidas de estudantes e, finalmente, persoas en activo. En caso de igualdade, respectarase a orde de entrada das solicitudes.

0.12820911407471