A Torre de Ourense recupera os seus farois históricos

O Concello de Ourense vén de repoñer os farois históricos situados na rúa Curros Enríquez, despois de concluír os traballos de restauración realizados sobre estes elementos de iluminación emblemáticos.
A actuación, cun investimento de 31.156,29 euros, céntrouse en recuperar uns farois de especial valor simbólico por estar pegados á Torre de Ourense, un dos edificios máis representativos da cidade e referente da arquitectura ourensá do século XX.
Os traballos permitiron restaurar por completo estas pezas patrimoniais, mellorando a estética da contorna e garantindo a súa preservación.
A Torre de Ourense, proxectada polo arquitecto Antonio Alés Reinlein e construída nos anos sesenta, é unha das obras máis singulares da modernización urbana da cidade. Con dezaseis alturas e un deseño innovador para a época, o edificio foi concibido desde o inicio para acoller diferentes usos, entre eles o histórico Hotel San Martín, hoxe Hotel Barceló, ademais de oficinas e outros servizos. Co paso do tempo, torre converteuse nun símbolo da arquitectura moderna ourensá, transformando a silueta da cidade. A recuperación dos farois que a rodean supón, segundo o Concello, “un paso máis na posta en valor desta zona central e na protección dos elementos que forman parte da súa identidade patrimonial”.