A UNED de Ourense inaugura un novo curso académico

OurenseXa
A sede da UNED de Ourense leva máis de trinta anos formando a centos de alumnos e permitindo a convivencia entre o mundo rural e o universitario
Inauguración do curso 2024:2025 na UNED de Ourense
Inauguración do curso 2024/2025 na UNED de Ourense
24 Oct 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou este mércores a importancia da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) “que conta xa con máis de cincuenta anos de vida e segue con fidelidade os seus principios creadores, permitindo a convivencia do rural e o universitario, crucial para contornas como as galegas e ofrece aos alumnos igualdade de oportunidades para acceder aos estudos”.

Durante a súa asistencia ao acto de inauguración do Curso Académico 2024-2025 da UNED en Ourense, nunha cerimonia desenvolvida na tarde deste mércores no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o delegado territorial lembrou con agarimo a súa formación nesta institución, “A UNED abriume as portas do porvir e grazas as súas ensinanzas adquirín parte da beleza dos meus sonos partindo da máxima de que só os que confían en nós son quen nos educan”.

Manuel Pardo fixo fincapé no labor esencial desenvolvido pola UNED, “os avances sociais e políticos, a necesidade de formarse para acceder ao mundo laboral, a falta de sistemas convencionais adaptados para os cambios da vida actual e o imparable crecemento das ciencias da educación e da tecnoloxía fixeron posible o desenvolvemento da educación a distancia en todo o mundo”.

Ademais, incidiu na idea constatada de que é necesario aprender durante toda a vida, sinalando que “actualmente, a idea compartida e bastante xeneralizada é que a educación non se circunscribe ao período escolar, senón que sempre hai algo novo que aprender”. E esta circunstancia -aclarou Manuel Pardo- “de educación permanente marca un novo fito na educación e xera un novo panorama educativo xa que xorden novas situacións: persoas que deben combinar a súa vida persoal co estudo ou o seu traballo coa súa formación. As estruturas convencionais, definitivamente, xa non podían dar resposta a esta idea”.

O delegado territorial tamén subliñou que xunto ao avance no pensamento humano e na apertura do abanico das formas de aprender, xorden as transformacións tecnolóxicas, que “fan posible reducir a distancia. Os avances técnicos danse tanto na área da comunicación como na informática, con equipos de gravación e transmisión de textos”.

Ademais, o delegado territorial quixo poñer en valor o papel dos mestres e profesores, pois “o alumnado da UNED aprende a través dos sistemas dixitais e a Internet, pero ao seu carón están tamén os seus ensinantes. Para eles, ao igual que para o resto dos universitarios, os docentes son a pedra angular da súa formación, que se completa, iso si, co uso de plataformas virtuais e audiovisuais”.

Destacou tamén Manuel Pardo o apoio do Goberno galego, “a Xunta presta o seu amparo á educación superior en Galicia e por tanto faino tamén coa UNED, cos seus catro centros asociados nas catro provincias”. “Formamos parte do Consorcio de UNED Ourense, Universidade que apoiamos desde o seu comezo nesta terra porque cremos no seu servizo público dende hai máis de dez lustros”; recalcou.

Por último, o delegado territorial lembrou que foron moitas xeracións de ourensáns as que se formaron en UNED Ourense, polo que “é unha honra estar aquí celebrando a importancia da educación superior e da investigación universitaria no benestar do noso país”, rematou.

0.16685104370117