A Unidade de Tuberculose de Ourense súmase ao obxectivo da OMS de erradicar esta enfermidade

Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Tuberculose, a Unidade de Tuberculose de Ourense sumouse ao obxectivo da Organización Mundial da Saúde (OMS) de erradicar esta enfermidade, facendo fincapé na importancia do diagnóstico precoz e na necesidade de combater os prexuízos asociados á mesma.
Segundo o último informe do Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose, publicado recentemente, en 2024 rexistráronse 27 casos na área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, cunha taxa de 8,9 por cada 100.000 habitantes. Estes datos confirman que a incidencia se mantén en niveis baixos na provincia, moi afastados dos rexistros dos anos noventa.
A evolución nas últimas décadas mostra unha tendencia descendente, con pequenas variacións anuais propias de territorios con baixa transmisión. Tras o mínimo acadado en 2022, con 23 casos, produciuse un repunte en 2023 (34 casos) e unha nova baixada en 2024, sen cambios estruturais na evolución da enfermidade.
A pesar destes datos positivos, as autoridades sanitarias advirten de posibles incrementos no futuro debido a factores como a globalización e a mobilidade da poboación, que poden favorecer a transmisión se non se detecta a tempo, dificultando así o obxectivo da OMS de reducir a incidencia nun 80% antes de 2030.
A Unidade de Tuberculose de Ourense, situada no Centro de Especialidades, está integrada por un equipo multidisciplinar que se encarga do diagnóstico, seguimento dos pacientes, estudo de contactos e tratamento, en coordinación coa atención primaria, o hospital e os servizos de saúde pública. O seu traballo, baseado na detección precoz, o control dos contactos e a correcta adherencia aos tratamentos, foi clave no descenso sostido da enfermidade.
Con todo, a responsable da unidade, Raquel Dacal, lembra que “a tuberculose non está erradicada e require unha vixilancia continua”, ao tempo que anima á poboación a consultar cun profesional sanitario ante síntomas como unha tose persistente de máis de dúas ou tres semanas, especialmente en persoas fumadoras, inmunodeprimidas ou que tiveron contacto con enfermos.
Ademais, desde a unidade insisten na necesidade de eliminar os estigmas arredor da enfermidade. “A enfermidade pode afectar a calquera persoa, e non discrimina por idade, sexo, nacionalidade, medios económicos ou condición social”, subliña Dacal, quen advirte de que estes prexuízos poden atrasar o diagnóstico e dificultar o control da transmisión.
A tuberculose é unha enfermidade infecciosa que se transmite polo aire e que, cun tratamento adecuado baseado en antibióticos durante varios meses, pode curarse. Non obstante, a interrupción da medicación pode derivar en cepas resistentes, máis difíciles de tratar, polo que os profesionais sanitarios insisten na importancia de completar correctamente o tratamento.
Con esta mensaxe, a Unidade de Tuberculose de Ourense reforza o seu compromiso coa prevención, o control e a concienciación social sobre unha enfermidade que, aínda que en descenso, continúa requirindo atención e responsabilidade colectiva.