A unidade móbil de doazón de sangue pasará este venres por Allariz

OurenseXa
Estará situada no Campo da Barreira en horario de mañá e de tarde
Doa Sangue
9 Apr 2026

Este venres, 10 de abril, a unidade móbil da Axencia de Doazón de Sangue e Órganos visitará Allariz, nunha iniciativa que busca fomentar a participación cidadá nun xesto solidario que pode salvar vidas. A unidade estará situada no Campo da Barreira e atenderá ao público en horario de mañá, de 9:45 a 14:15 horas, e de tarde, de 16:00 a 21:00 horas.

Desde a organización lembran a importancia de cumprir unha serie de recomendacións básicas antes de doar sangue, como acudir coa documentación identificativa, non ir en xaxún —ben almorzado ou deixando pasar dúas horas despois de xantar— e manter unha boa hidratación antes e despois da doazón. Tamén se recomenda evitar comidas demasiado copiosas antes da extracción.

Poderán doar todas aquelas persoas maiores de 18 anos e cun peso superior aos 50 quilos. Segundo se destaca, apenas 15 minutos de tempo poden axudar a salvar ata tres vidas, contribuíndo así ao funcionamento dos hospitais e á atención sanitaria.

0.14701199531555