A UVigo avanza na consolidación de Galicia como refuxio climático
A Xunta e a Universidade de Vigo traballan xuntas co obxectivo de reforzar a posición de Galicia como refuxio climático e de dotar aos concellos de información e ferramentas coas que actuar neste eido a nivel local.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre as partes co que se pretende deseñar unha metodoloxía tanto para elaborar mapas de calor como para a localización de refuxios climáticos, avanzando así na creación de zonas verdes e contribuíndo a elevar o benestar da cidadanía.
A responsable autonómica explicou que a finalidade última deste acordo -cun orzamento de preto de 40.000 euros- é dotar aos concellos de información e procedementos claros para que poidan crear contornas amables e adapten as súas zonas urbanas coa aposta por máis espazos naturais e menos infraestrutura gris.
Deste xeito desenvolverase un proxecto de acción contra o cambio climático para que as entidades locais poidan identificar no seu ámbito de actuación cales son as illas de calor -as zonas coas temperaturas máis altas do concello-, cales os refuxios climáticos -áreas frescas, verdes e con arborado que poidan ser empregadas pola poboación en episodios de temperaturas elevadas- e cales zonas de preservación da biodiversidade, que poden coincidir co ámbito dalgún espazo definido como refuxio climático.
A conselleira salientou que contar con esta información é especialmente importante en episodios de vagas de calor como as que se rexistran no verán e que impactan na saúde das persoas, especialmente naquelas que viven nas cidades polo efecto illa de calor, o fenómeno que se produce polo efecto da radiación solar e a súa multiplicación ao impactar no asfalto e no formigón.
Nesta liña, Ángeles Vázquez destacou a transcendencia de contar con refuxios climáticos que axuden a paliar esas situacións ofrecendo lugares frescos e zonas de sombra para acoller á poboación máis vulnerable. De feito, incidiu, o deseño destes refuxios climáticos precisa dun enfoque integral que teña en conta a adaptación dos ecosistemas ao cambio climático e a mellora da calidade de vida da cidadanía coa habilitación de espazos verdes saudables e funcionais.
Métodos
Esta cuestión, non obstante, é complexa pola necesidade de garantir a compatibilidade entre contornas urbanas e naturais que sexan sostibles e duradeiras así como beneficiosas tanto para o medio ambiente como para a cidadanía. Por iso, a conselleira agradeceu o labor dos profesionais da Universidade de Vigo que se encargarán de plasmar os coñecementos científicos e técnicos en métodos concretos cos que ofrecer solucións que redunden no benestar dos cidadáns e propicien espazos verdes saudables.
Deste xeito, concluíu a responsable autonómica, Galicia continuará á vangarda na loita contra o cambio climático ao ofrecer información estruturada e localizada xeograficamente para identificar cales son as illas de calor e cales os refuxios climáticos dispoñibles para recorrer a eles en momentos de episodios adversos.