A UVigo organiza un curso sobre a cultura e a sociedade chinesa

OurenseXa
O curso terá lugar os días 12, 13, 19 e 20 de abril na Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense
curso-cultura-chinesa
Curso Cultura Chinesa, UVigo, Campus de Ourense
12 Abr 2024

A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense celebra este mes de abril o curso China: cultura e sociedade. Será os días 12, 13, 19 e 20 de abril a cargo dos especialistas neste eido Modesto Corderi (profesor e investigador en técnicas performativas aplicadas ao ensino de idiomas e licenciado en chinés pola Universidade de Lingua e Cultura de Beijing) e Baihui Jia (profesora na Escola Oficial de Idiomas da Coruña, investigadora, tradutora e intérprete de chinés).

A programación desenvolverase os venres pola tarde e os sábados pola mañá no edificio Xurídico-Empresarial do campus. Hai dispoñibles 15 prazas que se adxudicarán por orde de inscrición, con preferencia para o alumnado da facultade organizadora. A primeira sesión centrarase nas diferenzas culturais e protocolo en China, afondando nos seus costumes e valores sociais. Seguiralle o día 13 unha sesión titulada Cultura e sociedade antiga de China a través de recursos audiovisuais. Nela, indican desde a coordinación da actividade, “viaxaremos á antiga China a través dunha rica variedade de medios, incluíndo películas, series, música e literatura” co obxectivo de coñecer un pouco máis “esta civilización milenaria”.

A terceira xornada do curso, que terá lugar o día 19, leva por título China 2024: vangardas tecnolóxicas e nela o público asistente coñecerá como este país é na actualidade “un país dinámico e diverso, cunha potente economía dixital en rápido crecemento e unha grande influencia na tecnoloxía e as redes sociais”, facendo un percorrido pola situación de sectores como os medios de transporte, o comercio, a comunicación e as empresas tecnolóxicas. A programación pecharase o sábado 20 cunha sesión sobre a cultura e sociedade moderna no país asiático empregando, ao igual que na segunda das sesións, recursos audiovisuais como películas, series, música e literatura.

0.19876313209534