A UVigo reivindica o papel do traballo social como motor de cambio para unha sociedade máis sostible
Desde este luns, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu cada tarde a celebración das I Xornadas de Traballo Social Eco-Social. Nelas abórdase e reivindícase, desde o académico e o profesional, desde a teoría e a práctica, o papel que o traballo social está chamado a desenvolver como motor de cambio para unha sociedade máis sostible e xusta e con maior benestar individual e colectivo.
A cita está organizada por persoal docente e investigador desta facultade (onde se imparte o Grao en Traballo Social), concretamente por Francisco Xabier Aguiar, Mónica López e Evelia Murcia, contando co apoio da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade da UVigo. Ten lugar coincidindo coa conmemoración o 19 de marzo do Día Mundial do Traballo Social e tomando como lema o seu, Bo vivir: un cambio transformador para un mundo compartido. O concepto do bo vivir, explica Francisco Xabier Aguiar, “é unha cosmovisión ancestral dos pobos indíxenas, principalmente andinos, de vivir sempre en harmonía e equilibrio cos outros seres, en comunidade, e coa natureza”. Este bo vivir, engade, “non reside en consumir e ter máis senón en facelo mellor, vivir co necesario e ter máis tempo para as persoas, para o coidado da contorna e para ese tipo de cuestións”.
Nesa aposta e debate arredor do benestar, desde o traballo social e no seu día mundial, comenta o profesor da UVigo, “reivindicamos que o traballo social ten que ser motor do cambio social ante os grandes retos que afronta a sociedade, é unha das nosas funcións históricas”. Para acadalo, pon o aceno nas súas funcións de “conectar a xustiza climática, social e ambiental e contribuír a crear comunidades resilientes, capaces de enfrontar todos estes retos, que non son poucos, nunha sociedade cada vez máis individualista”.
Unha crise sistémica
Neste contexto, os obxectivos das I Xornadas de Traballo Social Eco-Social son analizar os principais elementos e retos do paradigma eco-social no traballo social, para o seu desenvolvemento teórico e práctico, e reflexionar sobre os distintos aspectos presentes na crise sistémica (clima, territorio, enerxía, alimentación, produción e consumo, relacións e coidados...), identificando as súas interseccións co traballo social. Igualmente, con elas quérese coñecer e (recoñecer) as boas prácticas e experiencias neste eido. Este enfoque ecosocial do traballo social, comenta Francisco Xabier Aguiar, “está moi pouco desenvolvido e pensamos que é o enfoque no que nos temos que centrar de cara o futuro tamén desde o traballo social, para colaborar nos grandes desafíos que ten por diante a sociedade coa crise sistémica que estamos vivindo, crise que ten tanto elementos sociais como ambientais”.
As xornadas, explica Francisco Xabier Aguiar, “están desenvolvéndose moi satisfactoriamente, con participación de alumnado de todos os curso do Grao de Traballo Social pero tamén de profesionais deste eido e de relatores de diferentes ámbitos”. A programación arrancou o luns cunha conferencia sobre o traballo social ante a emerxencia climática e sistémica; unha mesa redonda sobre comunidades resilientes nun mundo compartido e a presentación da exposición fotográfica A muller na historia, da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense, que estará ata mediados de abril no campus. O martes, Día Mundial do Traballo Social, falouse sobre a transición do mito do crecemento ao decrecemento; sobre a defensa do territorio e traballo social e sobre a economía desde un ollar eco-social e de compromiso co territorio. Para rematar, este mércores houbo intervencións sobre como avanzar cara a un traballo social eco-social; a práctica política dende o traballo social e a revolución dos coidados desde unha ollada eco-feminista, para rematar con obradoiros sobre a metodoloxía socio-afectiva como ferramenta aplicada neste eido e a biodanza para abonar os coidados comunitarios e a cultura do bo trato.