A Valenzá conta cun novo espazo de ocio e tempo libre

Este sábado, o Concello de Barbadás inaugurou un renovado espazo de ocio ao aire libre xunto á Calzada Romana de A Valenzá. A intervención, que abrangue 2.200 metros cadrados, incluíu a poda de árbores, a adecuación do terreo e a instalación de mesas, bancos e xogos tradicionais como cordas, instrumentos musicais e pequenas casetas de madeira.
A zona, lembra o alcalde Xosé Carlos Valcárcel, estivo anos completamente abandonada, pero o Concello decidiu recuperala e convertela nun espazo de ocio “para que disfruten pequenos e maiores”. O proxecto xurdiu da colaboración entre as concellerías de Educación e Parques e Xardíns, con apoio das áreas de Emerxencias e Promoción Económica, coa intención de ofrecer un espazo de recreo diferente ao habitual.
“Este parque integra a natureza con espazos de xogo que non hai noutros parques. Está pensado para que sexa espazo de xogo e diversión e tamén para descansar e mesmo merendar, tanto as familias como a xuventude da Valenzá e do resto da comarca de Ourense”, explicou Victoria Morenza, tenente de alcalde e concelleira de Parques e Xardíns.
A área conta cunha variada representación de especies arbóreas, incluindo piñeiros, carballos, teixos, sauces, sobreiras e loureiros. Ademais, o Concello decidiu involucrar á comunidade educativa no nomeamento do parque: “Neste primeiro paso de apertura queremos a colaboración dos colexios. A través da Concellería de Educación imos enviar ao alumnado unha petición para que pense ideas e bautice este parque co nome que lle pareza máis adecuado”, indicou Morenza.
A Concellería de Emerxencias encargouse de limpar e preparar o espazo, que levaba anos invadido pola vexetación. “O primeiro que fixemos foi traballar na prevención do risco, para o cal traballamos cunha empresa especializada en podas en altura e evitar así posibles caídas de ramas e outras vexetacións”, explicou Daniel Rey, concelleiro de Emerxencias. Dous árbores en mal estado foron talados, mentres que a madeira retirada aproveitouse para fabricar sobre o terreo as novas mesas e bancos mediante un serrareo móbil.
O deseño dos xogos estivo a cargo do alumnado do módulo de xardinería do Obradoiro de Emprego, que distribuíu os elementos en distintas zonas de xogo. “Decidiuse crear unha zona de aventuras con elementos tradicionais, aquí non hai tobogáns, senón xogos tradicionais, distintos”, apuntou José Manuel Morgade, concelleiro de Promoción Económica.