A veciñanza da Ponte e o Vinteún reclama melloras nos Centros Saúde

OurenseXa
A situación sanitaria na que se atopan ambos barrios motivou a mobilización veciñal, que reclama o aumento do persoal no Centro de Saúde da Ponte e a urxente construción do tan demandado Centro de Saúde no barrio do Vinteún
Veciñas e veciños da Ponte acompañados por membros do BNG
4 Xuño 2024

A degradación do sistema sanitario galego e nomeadamente a situación na que se atopa a Área sanitaria de Ourense é unha preocupación non soamente política senón tamén social. Froito dese descontento, un grupo de veciñas e veciños dos barrios da Ponte e o Vinteún, decidiron iniciar unha recollida de sinaturas co obxecto de presentar no Parlamento de Galiza unha Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular, Proposición que o BNG se comprometeu a defender na Cámara galega.

Esta mañá comparecía diante dos medios unha das veciñas promotoras, quen estivo acompañada por veciñanza de ambos barrios e pola deputada Noa Presas, o deputado Iago Tabarés así como por membros do Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense.

Whitney comezou sinalando que “hoxe como veciña do barrio da Ponte e como nai, poño voz á indignación de miles de veciños e veciñas que están fartos da situación do noso Centro de Saúde. Desde hai máis de 15 anos levan prometéndonos un novo Centro de Saúde no Vinteún que poña punto e final á saturación deste e que dea cobertura a toda a xente que vive nesa parte do distrito. Persoas que en moitos casos son maiores e ás que supón un enorme esforzo desprazarse ata aquí”.

“Nestes anos só houbo promesas e nin un só avance mentres vimos que noutros barrios e noutras cidades e vilas si se construían novos centros. A Ponte e o Vinteún foron discriminadas coas infraestruturas e agora por riba sufrimos con instensidade o desmantelamento da sanidade”.

A veciñanza chamou especialmente a atención sobre a situación pediátrica do Centro, “antes da pandemia tiñamos catro prazas cubertas e agora o habitual é que só dúas estean cubertas por pediatras. Por riba tivemos que ver como nos vendían a moto de que iamos compartir unha co Carballiño, que é nada máis e nada menos que a segunda vila máis poboada de Ourense”.

“Nós somos o barrio máis grande de Ourense pero estamos a ser un barrio castigado. Primeiro vimos como facían a chapuza da intermodal e deixaban sen espazo de ampliación este Centro, que soporta un montón de tráfico e de ruído e que como vedes, non temos nin un paso de cebra decente”.

“Por riba, cada vez temos máis lista de agarda porque falta persoal. Hai uns anos o normal era ter cita na propia semana para facer unha analítica, hoxe demora ata un mes. E así con todo, este Centro de Saúde atende a máis de 30.000 veciños e veciñas”.

Whitney sinalou igualmente que “temos un Centro saturado que ten listas de agarda para atención primaria e especialidades, onde a accesibilidade é deficiente e prexudica especialmente á veciñanza de máis idade e á das zonas rurais. Por iso, veciñas e veciños impulsamos esta Proposición non de Lei de Iniciativa Popular co apoio do BNG, a quen acudimos pola súa recente campaña de protesta”.

Os promotores da recollida de sinaturas adiantan que esta iniciativa faise co obxectivo de trasladar ao Parlamento Galego “a esixencia de impulsar as accións necesarias e comprometer nos Orzamentos de 2025 unha partida específica para facer realidade a construción do prometido centro de saúde do Vinteún e impulsar o reforzo de persoal do Centro de Saúde da Ponte, especialmente no ámbito da pediatría, de forma que se garanta a cobertura das catro prazas, e de servizos como os de analíticas, para reducir os tempos de espera”.

0.1502480506897