A veciñanza de Allariz participa na difusión do protocolo ‘Allariz Pobo Seguro’

OurenseXa
Dez veciños e veciñas protagonizan un vídeo promocional desta iniciativa que ten como obxectivo dar a coñecer o decálogo do protocolo para a prevención das violencias sexistas en espazos festivos
allalriz-pobo-seguro
16 Jun 2025

O Concello de Allariz dá un paso máis na consolidación do protocolo ‘Allariz Pobo Seguro’ coa implicación activa da súa veciñanza. Dez persoas representantes da realidade social alaricana protagonizan un vídeo divulgativo no que explican, punto por punto, o decálogo do protocolo para a prevención e atención das diferentes violencias sexistas en espazos festivos.

Con esta iniciativa, Allariz convértese nun referente a nivel galego e estatal pola súa aposta decidida en facer partícipe á cidadanía na loita contra a violencia de xénero, promovendo espazos seguros e igualitarios para todas as persoas.

No vídeo, que estará dispoñible na web e nas redes sociais do Concello, participan persoas de diferentes idades, sectores e sensibilidades: desde representantes da hostalería ata membros de colectivos culturais, pasando por persoal técnico municipal, mozas e mozos ou persoas maiores. Todas elas explican de forma clara e directa como aplicar cada punto do protocolo, reforzando a mensaxe de que a prevención e a resposta ante as violencias machistas é responsabilidade colectiva.

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, sinala que “esta acción non só achega o protocolo á veciñanza, senón que transmite un valor fundamental: en Allariz, a seguridade e o respecto non son eslóganes, son compromisos reais que se constrúen desde abaixo, coa participación activa de todas e todos”.

Esta acción enmárcase dentro da estratexia iniciada en 2023 coa creación do protocolo “Allariz Pobo Seguro”, elaborado pola área de Igualdade e Benestar Social en colaboración cos corpos e forzas de seguridade, Subdelegación do Goberno, a Área de Turismo e a Asociación Cultural Xan de Arzúa. A súa primeira implantación foi na Festa do Boi 2023, e desde entón segue a consolidarse como ferramenta de referencia.

O vídeo supón un novo chanzo na implicación comunitaria e busca que todas as persoas que viven ou visitan Allariz coñezan os mecanismos de prevención e actuación fronte ás violencias sexistas, contribuíndo así á creación dun entorno seguro, xusto e igualitario

⚙ Configurar cookies
0.16105794906616