A veciñanza de Sobrado do Bispo impulsa unha nova edición do festival Emulart

OurenseXa
O programa incluirá máis dunha decena de actividades artísticas en distintos puntos da parroquia que se desenvolverán do 12 ao 20 de xullo
presentacion-emulart-2025
Presentación de Emulart 2025
7 Jul 2025

A parroquia de Sobrado do Bispo acollerá do 12 ao 20 de xullo a segunda edición de Emulart, un festival cultural impulsado pola propia veciñanza e que conta coa colaboración do Concello de Barbadás, a través da Concellería de Cultura. A programación inclúe 15 actividades artísticas que se desenvolverán en distintos espazos da localidade, como prazas, o convento ou o bar do pobo.

“O festival demostra que Sobrado sempre foi un faro cultural e un referente en todo o concello”, destaca o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, quen subliña a importancia de achegar a cultura ao rural. Ademais da tradición musical da zona, Emulart ofrece propostas de música clásica, contemporánea e tradicional, xunto con exposicións, cine e curtametraxes de humor.

Ana Peleteiro, concelleira de Cultura e veciña de Sobrado, agradece o traballo da organización e de asociacións como Porta da Cadea e Voces e Cordas, e anima á veciñanza a participar: “É un orgullo poder colaborar e ver como a xente responde. Queremos que todos desfruten desta programación variada”.

Pola súa parte, o director artístico do festival, Rafael Yebra, sinala que a cultura xa non se limita a auditorios ou salas pechadas, senón que pode encher calquera recuncho do pobo. “Buscamos crear un espazo de desenvolvemento artístico onde a veciñanza poida atoparse, compartir e desfrutar”, afirma. Segundo Yebra, Emulart aspira a seguir medrando e converter a Sobrado e Barbadás nun punto de referencia cultural nestas datas.

O festival arrancará o día 12 cun concerto de Rafael Yebra e Oswaldo Oro na igrexa da localidade, dando comezo a unha semana de actividades abertas a todo o público.

Ademais, o alcalde lembrou que o Concello continúa reforzando o seu apoio á cultura tamén con actuacións como a rehabilitación da antiga escola de Sobrado, que servirá, entre outros usos, como lugar de ensaio para a coral Voces e Cordas, un dos símbolos culturais da parroquia.

⚙ Configurar cookies
0.16625809669495