A verbena do Rella regresa o 5 de xullo a Vilavidal, en Ramirás

A verbena do Rella regresa o vindeiro 5 de xullo a Vilavidal, en Ramirás, da man da Asociación Cultural Rebulir. A cita, tal e como explica a organización, pretende ser unha celebración que recupere a esencia dos antigos bailes, onde se facilitaba a socialización veciñal por medio da música. Por iso, a música do pobo, a tradicional, será a protagonista nesta festa. A cita pon en valor a figura de Manuel “O Rella”, orixinario de Cartelle e que estivo afincado en Ramirás.
Esta tradición foi recuperada no ano 2022 por parte da asociación, e deu continuidade á Noite de Fiadeiro que, segundo explicaba Alexandre Sotelino, vicepresidente da asociación, nunha entrevista a este medio, “acabouse convertendo en algo tan grande que deixou de gustarnos tal e como estaba formulado e tivemos que descartalo e buscar outro formato”. Así, naceu esta cita que busca poñer en valor a cultura e a tradición nesta vila.
Na edición de este ano participarán un total de 12 grupos. O cartel está formado por Ardentía, Os Fiscais da Poni Raga, Unto Vello, Charanga do Fiadeiro, Argalleiros da A.C. Xacarandaina, Charanga da Pontevella, De Pé Feito, Xúa, Os Biruxes, A.M.T. O Irixo, Lembranza Solpor e a Escola de Baile e Música Tradicional Rebulir.