A Verbena do Rella regresou a Vilavidal nunha xornada para recuperar as tradicións

Vilavidal acolleu este sábado, 5 de xullo, unha nova edición da Verbena do Rella, organizada pola Asociación Cultural Rebulir. A cita recuperou un ano máis a esencia dos antigos bailes populares, converténdose nun punto de encontro para veciños e visitantes que quixeron desfrutar da música tradicional como vehículo de socialización.
Durante a xornada, pasaron polo torreiro un total de doce grupos, entre eles Ardentía, Unto Vello, Os Faiscas da Pontraga, Os Biruxes, Xúa, De Pé Feito, A Ponte Vella, O Fiadeiro e Argalleiros da AC Xacarandaina. Tamén participaron a BGD do Irixo, Lembranza Solpor e a Escola de Baile e Música Tradicional Rebulir, que puxeron en valor o traballo das escolas de base.
A programación completouse cun obradoiro de baile tradicional impartido por Isma Rodríguez e actividades de xogos tradicionais a cargo do CCP Xaquín Lorenzo, favorecendo o intercambio de coñecementos e mantendo viva a tradición.
Desde a organización destacan o éxito de participación e agradecen ás centos de persoas que asistiron e gozaron da festa. Ademais, a Asociación Rebulir xa traballa na edición de 2026 para seguir consolidando esta celebración como referente da cultura popular na comarca.