A Vía da Prata conta con dez novas estacións para mantemento de bicicletas

A Deputación Provincial de Ourense, a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), instalou dez novas estacións para mantemento de bicicletas ao longo da Vía da Prata co obxectivo de reforzar a aposta polo cicloturismo no Camiño ao seu paso por Ourense.
A iniciativa forma parte do proxecto “Protección, desenvolvemento e promoción dos recursos turísticos e do patrimonio cultural vinculados aos Camiños Xacobeos do Oeste Ibérico. 0311-Camiño-Vertical-6-E”, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa de Cooperación Interreg VA España-Portugal (POCTEP). Dentro deste proxecto, unha das accións é a valorización, mellora e recuperación dos Camiños Xacobeos mediante a promoción dun itinerario cicloturístico do Camiño. Neste caso, o importe total da acción ascende a 24.000 euros para a adquisición das estacións de bicicletas e a 5.800 euros para a súa instalación, o que supón un investimento total de 29.800 euros.
No 2024, o número de peregrinos que fixeron o Camiño Mozárabe – Vía da Prata en bicicleta representou o 13,31 % do total de usuarios, mentres que no que vai de 2025 a cifra sitúase no 12,48 %. “O número de usuarios de bicicletas que elixen rutas na nosa provincia está a medrar e aproveitaremos esta situación para ofrecer máis e mellores servizos e atraer visitantes”, destacou o presidente da Deputación, Luis Menor, que durante a súa visita á nova estación de Piñor salientou “a aposta provincial pola especialización do cicloturismo como un plus do Camiño na provincia”, subliñando o crecente impulso dos servizos para peregrinos da Deputación Provincial de Ourense. Segundo asegurou, con este proxecto mellorarase a competitividade dos Camiños Xacobeos como produto turístico “sostible, intelixente, innovador e integrador”.
As novas estacións de mantemento de bicicletas están situadas en A Mezquita, Verín, Vilariño de Conso, Castrelo do Val, Laza, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía, Allariz e Cea, e constan de catro unidades con módulo de carga, tomas de corrente, soporte para a fixación da bicicleta, inflador manual de 10 bares, xogo de ferramentas pequenas de reparación e códigos QR con información de uso. As seis unidades restantes contan con soporte para a fixación da bicicleta, inflador manual de 10 bares, xogo de ferramentas pequenas de reparación e códigos QR con información de uso.