A Vía da Prata rexistrou un récord de peregrinos no mes de marzo

OurenseXa
A Vía da Prata-Camiño Mozárabe é a ruta xacobea máis importante que atravesa a provincia e a máis longa en territorio galego
Via_da_prata_ourense
1 Abr 2024

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor Perez, expresa a súa satisfacción polo récord de peregrinos rexistrado ata marzo nos camiños xacobeos que atravesan a provincia de Ourense –Vía da Prata e Camiño de Inverno-, destacando que “hai marxe de mellora, pero os datos son moi esperanzadores”.

Para Luis Menor, o movemento de viaxeiros “acredita” a firme aposta que está a facer a Deputación de Ourense pola promoción destes camiños, con particular atención á Vía da Prata-Camiño Mozárabe por ser a ruta xacobea máis importante que atravesa a provincia e a máis longa en territorio galego, “pero sen esquecer o Camiño de Inverno, cun tramo por Valdeorras que ten moito que aportar á comarca”. Non esquece tampouco o presidente provincial o Camiño Miñoto-Ribeiro, que conecta o norte de Portugal con Santiago, recoñecido xa pola Igrexa e que tamén permite obter Compostela, e o Camiño de San Rosendo, ramal de peregrinación portugués da Vía da Prata.

Ao tempo, Menor valora a “modesta contribución” realizada nestes días de Semana Santa á promoción da Vía da Prata, a través dun programa específico organizado polo Inorde para facilitar o percorrido ata Santiago en cinco etapas desde Ourense e no que participaron máis dunha vintena de persoas, “moi de agradecer polo esforzo realizado fronte ás condicións climatolóxicas”.

Luis Menor incide nun “factor diferencial” que posúe Ourense cun peso significativo na elección dos peregrinos que se decantan pola Vía da Prata: o AVE. Neste sentido lembra unha acción específica que combina as posibilidades que ofrece o AVE coa promoción da Vía da Prata, facilitando que os viaxeiros que chegan á estación de A Gudiña poidan comezar neste municipio o seu camiño en bicicleta, ou ben desde a capital a pé, permitindo en ambos casos acadar a súa correspondente acreditación.

Con este fin, o Goberno provincial impulsará xa nesta primavera contactos con diferentes asociacións e cos alcaldes dos municipios polos que discorre a Vía da Prata-Camiño Mozárabe.

0.19909715652466