A voz dos alcaldes: Juan Carlos González Carbajales, rexedor de Pontedeva

OurenseXa
Juan Carlos González Carbajales, alcalde de Pontedeva, analiza a súa traxectoria política, os retos deste municipio rural e as claves para frear a despoboación
juan-carlos-gonzalez-alcalde-pontedeva
Juan Carlos González Carbajales, alcalde de Pontedeva
9 Nov 2025

Juan Carlos González Carbajales, alcalde de Pontedeva, un concello rural de aproximadamente 450 habitantes, explica como afronta os principais desafíos do seu municipio, desde a despoboación ata o desenvolvemento económico.

Explíquenos un pouco como comezou na política e como se vinculou ao seu partido.

Comecei no 2003 formando parte dunha asociación veciñal que creamos porque pensabamos que había necesidades no concello. Un día fomos pedir unha axuda á Deputación e aí decateime de que había cousas para as que era necesario estar na política, porque coa asociación conseguíamos moi pouco. Eu tiña moitas ganas de facer cousas, moita ilusión, e así empecei. Primeiro quixen ir ao PP, porque o meu pai xa estivera nas listas co anterior alcalde, pero no último momento, cando ían pechar as listas, díxeronme que non, entón decidín crear un partido político. Presentámonos ás eleccións e fomos a chave, roubámoslle un voto ao PP que foi a chave para gobernar, aínda que tamén nos custou ir ao tribunal constitucional de Madrid. Ao final, gobernou o anterior alcalde, eu estiven na oposción e logo o PP decidiu chamarme e presenteime con eles.

Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?

Eu era unha persoa moi activa, quizais demasiado activa. Non podía estar quieto, necesitaba facer cousas. Teño moita ilusión por facer cousas a nivel particular, profesional e municipal. Gústame, sempre tiven moita ilusión por facer cousas e iso leváronme a meterme na política e, ao final, a ser alcalde. Pensei que era a única posibilidade para levar a cabo todas esas cousas que quería facer polo pobo.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?

Considero que foi, por unha banda, a mellor decisión que tomei e por outra, a peor. Aféctoume moito a nivel persoal e familiar. Nos concellos pequenos é difícil estar na política. Xa ao marxe de que non temos ningunha asignación económica, precisa unha dedicación continua as 24 horas do día. Estás todo o día preocupado, todo o rato pensas no concello, nos problemas que hai no cotián. Porque aquí, nun concello pequeno, os veciños non chaman ao concello, chámanche a ti. O mesmo coas empresas, cada problema hai que personalizalo e iso aféctache moito.

No meu caso, aféctame especialmente a relación cos veciños porque eu son moi de pobo. Cando non fas algo ben nótase, os veciños reprochanche, recrimínanche cousas, o cal paréceme lóxico, pero tamén pasa unha grande factura a nivel emocional. Pensei que cos anos se me pasaría, pero a verdade é que cada vez me afecta máis.

E beneficios?

Alégrome de pensar en todo o que fixemos e en todo o que traballamos. Coñezo a moita xente, a moitos políticos, leveime moita experiencia e moitos coñecementos, iso é moi positivo. Obviamente, tamén o agradecemento da xente.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Moi, moi difícil. Non chegas a casa e paras, chegas a casa e pensas nos problemas do concello. É unha preocupación latente, constante, é realmente difícil. Ao final, estás a traballar toda a semana para o concello e os fins de semana en actos de partido. E son unha persoa comprometida, se estou, estou. Pasa factura na familia, na casa e na empresa. Para min, polo lado empresarial e familiar, presentarme na política foi o peor erro que cometei.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Exactamente os mesmos cos que empecei. Somos un concello rural, cun problema moi grande de despoboación. Estamos nunha zona que ten as súas vantaxes, o entorno natural é precioso, vivimos nunha zona privilexiada, pero obviamente ten as carencias dos pobos rurais. Por iso, a miña preocupación sempre foi o asentamento da poboación, que se manteña a poboación, e sempre considerei que só hai dúas maneiras de facelo: o polígono e vivendas. Ou sexa, traballo e casa.

Eu tiven sempre moi claro onde había que poñer o foco, porque ese problema engadido que temos neste tipo de concellos, que é a despoboación, é moi grave xa que pode facer que acabemos desaparecendo, non como entidade, senón como pobo. Non me refiro a desaparecer como concello porque outro nos absorba, o que me preocupa é que nos quedemos sen xente. Desaparecer porque xa non haxa habitantes sería unha desgraza. É algo que realmente preocupa porque son de aquí e vivo aquí. Vivín na cidade, traballei en grandes capitais, pero o meu sitio está aquí. Creo que estamos a perder os pobos, en xeral, e iso dame moita pena.

E se se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?

Seguiría co mesmo. Traballo, polígono e vivenda. Agora temos un polígono moi ben estruturado, despois de Celanova, Rivadavia e A Cañiza, que son núcleos de poboación xa bastante fortes, somos o seguinte núcleo de industrias máis potente da zona. Aquí antes non había nada, cando empecei a traballar nesta empresa, todo arredor era monte. Agora temos o polígono completamente legalizado, urbanizado, con todos os servizos, está ben estruturado e temos un plan de ampliación porque sabemos que se hai postos de traballo, hai poboación. Creo que é o único futuro que lle queda a esta zona.

O problema é que aquí segue habendo moitas casas abandonadas pero a xente non as vende ou non as aluga. Nós estamos constantemente preguntando, mirando para intentar vendelas, porque hai xente nova das cidades que se está a vir aos pobos pero non teñen onde vivir. Nós intentamos que poidan acceder a unha vivenda, que se queden. Por exemplo, fixemos unha zona para vivendas que temos completamente urbanizada. Tamén fixemos unha ludoteca nunha das antigas escolas na que contamos con entre 15 a 20 nenos… Seguiría poñendo o foco nese, traballo, vivenda e servizos básicos.

Cales son as principais liñas do seu programa?

Temos un montón de propostas sempre enriba da mesa. A auga, o abastecemento e o saneamento, os viales, o alumeado público, que o renovamos enteiro. As paradas de autobús, que renovamos todas. Fixemos dúas rutas de sendeirismo, unha zona de autocaravanas, arranxamos as fontes, os camiños… A Deputación vai facernos un vial importante o ano que vén, na zona de Deva. A verdade é que temos un orzamento tan pequeno que ás veces non dá para tirar, cubrimos gastos. A verdade é que tanto a Deputación como a Xunta estánnos apoiando.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
A vivenda. Agora mesmo, temos uns 110, 120 postos de traballo. Para ser un concello de arredor de 470 habitantes, está moi ben. O problema é que a xente non ten onde vivir.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

O primeiro de todo, do polígono, do plan xeral para legalizalo. Levounos como sete ou oito anos, entre 2007 e 2015 máis ou menos. Fixémolo completamente desde cero, aquí antes non había nada. Tamén das vivendas que fixemos e do lavado de cara que lle demos ás rúas, arranxámolas todas. Renovamos as paradas de autobús, levamos a cabo traballos na rede de saneamento…

Tamén a ludoteca, diso estou moi orgulloso. Pasamos de ter unhas antigas escolas pechadas a ter un espazo para os nenos aberto todos os días. Chegamos a ter preto de 30 nenos, agora serán arredor de 20. Tamén o tema da limpeza e dos parques infantís, que agora hai en todos os pobos. Ademais conseguimos ter dous vehículos de servizo cando antes non tiñamos ningún. Temos desbrozadoras, un local, unha persoa de limpeza todo o ano, cando antes non había ninguén… Ademais, fixemos unha área de autocaravanas que está totalmente acondicionada, rutas de sendeirismo. Estou moi orgulloso de todo iso, aínda que segue habendo moitas carencias.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Pois que fun unha persoa que entrou vocacionalmente, e que o manteño, que non entrei por un interese, que me custou moitísimo, que lle dediquei moitísimo tempo de traballo e que non pedín nada a cambio. O único que quero é respecto, que saiban que non houbo outra intención máis que a que me guiou desde o principio. Do ano 2003 que entrei mantivenme case coa mesma ilusión que o primeiro día, aínda que ao final os anos pasan factura, cansas, pero si que é certo que sempre mantiven na mesma liña de traballo e de dedicación. Quero que me vexan como unha persoa honrada, nada máis.

Como é a súa relación coa oposición?

Mala, antes era moi boa. Considero que a persoa que está agora no PSOE non respecta nin ás persoas, nin aos cargos públicos. Entendo que ten unha finalidade, que pode ser lóxica, é sensata, que é ser alcalde algún día, pero penso que o camiño que segue non é o adecuado.


EN CLAVE PERSOAL

  • Idade, estado civil e familiar.
    57 anos, casado e con dúas fillas.
  • Profesión e formación.
    Empresario.
  • Se non fora empresario que lle gustaría ser?
    Creo que me adaptaría a calquera traballo.
  • Que quería ser de maior?
    Penso que o mesmo que son agora.
  • Que fai para desconectar?
    Escoitar música e andar en moto
  • Unha virtude.
    Son boa persona
  • Un defecto.
    Son desconfiado
  • Un consello para compartir.
    Non fagas aquilo que non queres que che fagan.
  • Un libro.
    El Nombre de la Rosa.
  • Unha película.
    El Padrino 2.
  • Un grupo de música.
    The Rolling Stones e Pink Floyd.
  • Unha afección
    Andar en moto e  escoltar música.
  • Un lugar que visitar.
    Machu Picchu.
  • Unha comida e unha bebida.
    Viño branco galego e tortilla.
  • Unha persoa admirada.
    Amancio Ortega.
  • Unha posesión prezada.
    A miña moto.
  • Un desexo.
    Vivir con saúde ata unha idade aceptable.
  • Algo para esquecer.
    Ás veces o meu propio comportamento, algunha vez, non moitas, que fixen algo que non debería e me avergoño.
  • Que é o que máis valora nunha persoa?
    Que sexa boa persoa.
  • Un desafío pendente.
    Parar, xubilárme pronto.
  • Onde se ve en cinco anos?
    Facendo as mesmas cousas que fago agora.
⚙ Configurar cookies
0.07941198348999