A Xerencia da Área Sanitaria de Ourense nega as críticas polo traslado do Materno

A Xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras nega “categóricamente” as afirmacións realizadas este luns pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen participou xunto a representantes do Bloque nunha concentración para esixir a paralización inmediata do traslado do Materno-Infantil de Ourense. Pontón denunciou unha “situación deplorable” e acusou á Xunta de obrigar ás mulleres ourensás a dar a luz “en condicións propias dun país terceiromundista”.
En resposta, a Xerencia considera “inadmisible e indignante que se continúen a verter falsidades sen fundamento sobre as instalacións provisionais do paridoiro de Ourense”. Segundo asegura a dirección sanitaria, “cómpre lamentar que a dirixente do BNG non se molestase en coñecer a configuración prevista para o paridoiro provisional e preferise lanzar afirmacións falsas, que non responden á realidade e que teñen como única finalidade alarmar e sacar rédito político a costa da sanidade pública”.
Desde a Xerencia insisten en que a nova área provisional “suporá unha mellora substancial con respecto á situación actual no Materno Infantil”. Ademais, subliñan que “non é certo que as mulleres non vaian ter intimidade: a intimidade das embarazadas está plenamente garantida, con salas de dilatación pechadas e separadas entre si e contra o corredor con mamparas, contando con auga corrente, baños e duchas e accesos independentes”.
Sobre a acusación de “improvisación”, a dirección sanitaria defende que “cualificar de improvisado un traslado e unhas obras que levan máis de catro meses de traballo técnico e organizativo e que contan cun investimento de máis de 2,7 millóns de euros é unha falta de rigor e un insulto á intelixencia da cidadanía”. Engaden que esta crítica “evidencia un absoluto descoñecemento ou, peor aínda, unha deliberada intención de manipulación por parte do BNG”.
A Xerencia tamén lamenta “que se faga un uso político e irresponsable dun tema como o embarazo e o parto. Alarmar sen motivo ás mulleres de Ourense, especialmente nun momento vital tan importante nas súas vidas, é dunha gravidade extrema. A utilización partidista da maternidade debería estar fóra de calquera estratexia política digna”.
Sobre a duración da relocalización, puntualizan que “as instalacións provisionais do paridoiro terán un uso máximo dun ano, ata ocupar a área prevista na mesma planta, na que se realizará unha reforma integral”. Por iso, consideran “indignante e irresponsable chamar ‘terceiromundistas’ a unhas instalacións novas, modernas, funcionais e seguras, deseñadas para garantir a mellor atención posible”.
A Xerencia reprocha tamén que se defenda manter o servizo na súa localización actual, unha petición realizada dende diversas organizacións, como Arrolos de Teta, que piden manter a sala de partos actuais ante as “deficiencias” das novas instalación. “Igualmente sorprende que algúns defendan manter o paridoiro nunhas instalación dos anos 70, separadas do resto do servizo que se trasladará ás áreas recen acondicionadas, salvo que o que primen sexan outros intereses diferentes ao benestar das mulleres de Ourense”, din dende o Sergas.