A Xunta aborda o rescate da concesión da autovía Ourense-Celanova

OurenseXa
A partir do 1 de xaneiro, pasará a ser de xestión pública, eliminando as peaxes en sombra
autovia-ourense-celanova-google-maps
Autovía Ourense-Celanova, imaxe de Google Maps
4 Dec 2024

O Goberno galego está a abordar o rescate da concesión de catro das autovías de peaxe con canon de dispoñibilidade no territorio: Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión.

A partir do 1 de xaneiro, pasarán a ser de xestión pública, eliminando as peaxes en sombra que, segundo explica a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, “cada ano viñamos aboando os galegos”. “Aforramos máis de 330 millóns de euros e liberaremos ao redor de 30 millóns de euros cada ano para as nosas finanzas”.

A Ademais, Allegue, subliñou hoxe no Parlamento que “é hora de poñerlle fin ao desleixo” do Goberno central con Galicia, ante o incumprimento de bonificar as peaxes da AP-53 e dar as costas a unha posible transferencia da AP-9 á comunidade. “É tempo de que o Goberno central cumpra con Galicia -afirmou- e por iso seguiremos a defender o cumprimento das compromisos adquiridos e seguiremos a traballar pola Galicia do futuro que estamos a construír”.
Allegue criticou que mentres o Goberno central segue a lanzar “anuncios trampa” de bonificacións “que seguen sen materializarse”, a comunidade autónoma continúa a sufrir o agravio comparativo respecto a outras onde se liberalizan peaxes. “Galicia segue pagando a día de hoxe os seus 275km de autoestrada estatal (AP-9 e AP-53) sometidos a tarifa”. “Seguimos pagando e seguiremos a facelo por falta de vontade política”.

A conselleira considera que as anunciadas bonificacións na AP-9 “non virán neste 2024 e se chegan no 2025, será ben entrado o ano”.

Lembrou que, no caso da AP-9, o propio Ministerio de Transportes vén de situala como a cuarta autoestrada da rede estatal con maior prezo por quilómetro nun informe baseado en datos do 2022, “e dous anos despois, semella que nada muda e nada vai mudar”. Neste senso, indicou que os galegos pagarán a partir do 1 de xaneiro máis de 20 euros polo traxecto entre A Coruña e Vigo.

E, no caso da AP-53, Allegue recordou que é a única autoestrada estatal sen bonificacións. A Xunta, reiterou, seguirá a esixir que se cumpra o compromiso de investidura do Goberno central para aplicar os descontos comprometidos nesta última autoestrada e na AP-9.
Así mesmo, reiterou que o Goberno galego seguirá a esixir a transferencia da AP-9 como infraestrutura fundamental de Galicia, unha petición que xa amparou o Parlamento galego en catro ocasións. “Non desistiremos neste empeño, a pesares da negativa do Goberno de España e da incongruencia do PSOE e do BNG que adoptan unha medida en Galicia e a contraria en Madrid”, afirmou.

En contraposición a esta situación, a conselleira lembrou que a Xunta conxelou durante os dous últimos anos as tarifas das autoestradas da súa titularidade (A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona), as máis baratas do Estado, “que seguirán a selo grazas ao orzamento de 5,5 millóns de euros que se destinan a estas bonificacións en 2025”.

0.1627151966095